Varios centos de persoas marcharon o xoves en Compostela contra o cumio dos estados máis ricos
Imaxe das protestas en Porto / Foto: sardera.blogspot.com
As protestas contra o cumio dos dirixentes dos oito estados máis ricos do planeta, o G8, que se está a desenvolver en Alemaña, teñen o seu eco en Galiza. Onte mesmo, varios centos de persoas manifestáronse polas rúas de Santiago de Compostela e este sábado está convocada outra mobilización en Vigo.
A manifestación viguesa partirá da Vía Norte as 18 horas, segundo explica a CIG, unha das entidades que organiza a protesta, xunto con AMI, Asemblea Anti-imperialista, Ateneo Libertario, Ceivar, Celtarras, Centro Social A Formiga, Centro Social Faísca, Centro Social Revolta, CIG Mocidade, Galiza Nova, GAS, Kaleidoscopio, Nós-UP, Precarias en Loita, Siareiras Galegas e SRI.
O obxectivo da convocatoria é "amosar o noso rexeitamento ao modelo de explotación deste G8, mostrando a necesidade de facer efectiva a xustiza social".
Pintan os cristais de El Correo Gallego
Por outra parte, varios centos de persoas manifestáronse este xoves contra o cumio en Compostela. A raíz da manifestación realizáronse pintadas nos cristais de numerosos establecementos comerciais e empresariais de Santiago, entre eles o do xornal El Correo Gallego, segundo indica o portal Galizalivre.