Cultura autoriza os traballos logo de documentar durante dous anos os restos
A Consellaría de Obras Públicas reanudou esta semana as obras da autovía Ferrol-Vilalba que afectaban aos restos do círculo lítico da Mourela, no concello das Pontes. Cultura autorizou os traballos logo de documentar durante dous anos os restos e tras recibir un informe de Obras Públicas no que se desestimaba un posíbel cambio de trazado. Porén, a Dirección Xeral de Patrimonio mantén a protección sobre tres mámoas e tamén supervisará as obras por se aparecesen novos xacementos.
Dende Cultura explican que o círculo lítico da Mourela xa foi desmantelado hai moitos anos. Naquela ocasión empregouse a pedra para as obras da antiga estrada. En xullo de 2005 comezou unha escavación dirixida polo catedrático da USC Ramón Fábregas. Nos traballos colaboraron trinta técnicos.
Os informes revelan que o círculo xa non existia como tal
O informe técnico revela que os círculo lítico da Mourela xa non existía como tal e tan só quedaban improntas dalgunhas daquelas pedras. Porén, tamén se atoparon materiais asociados a unha construción medieval posterior. Os restos (cerámica e algún material lítico) están depositados no Concello das Pontes, á espera de ser expostos ao público este mesmo ano.
O estudo tamén aclara que o resto de xacementos arqueolóxicos localizados nesa área tan só están afectados en parte pola autovía Ferrol-Vilalba. Cultura tomou as medidas necesarias para que estes restos non se vexan afectados polo trazado.
Dende a Consellaria de Cultura tamén aseguran que se dirixiron a Política Territorial o pasado 23 de abril para ver a posibilidade de variar o trazado ou executar un túnel nesa zona da autovía. Segundo as mesmas fontes, Política Territorial remitiu o pasado día 4 de xuño unha resposta na que se sinalaba a imposibilidade do cambio por razóns técnicas e orzamentarias. Cultura anuncia que haberá arqueólogos deste departamento supervisando as obras in situ.