Algo máis de trescentos nenos e nenas hanse reunir o día 9 de xuño, no peche deste programa no que participaron 103 colexios de toda Galiza.
A Dirección Xeral para o Deporte acolleu na segunda feira a presentación da I Xornada Galega Deporte na Escola, que se desenvolverá ao longo de todo o sábado 9 de xuño, na vila pontevedresa de Tui.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño estiveron na presentación desta xornada que culmina un programa novo posto en marcha este ano polas tres consellarías, onde participaron máis de 5.000 nenos e nenas dos colexios galegos.
Durante todo o ano escolar os nenos e nenas xogaron e practicaron deporte ao tempo que aprendían, ao abeiro do programa Deporte na Escola, deseñado para iniciar os escolares na práctica deportiva baseada na convivencia, nos valores da solidariedade e o xogo limpo, e fuxindo do criterio competitivo.
No sábado, dende as 10 da mañá e até as 19 horas, xogos culturais e actividades de balonmán, baloncesto, natación, atletismo, fútbol sala, bádminton, voleibol, xadrez divertirán aos cativos nos distintos pavillóns da vila da raia.