Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CANTO GALEGO LEMOS AO DÍA

O poder quere "ter contenta a prensa" pero o "cambio" debera ser tamén de talante

Ana Boullón, impulsora dun estudo universitario sobre o uso do galegos nos medios, dinos que "as subvencións á prensa non se traducen nun maior emprego".

Ana Salgado - 09:00 31/05/2007

A profesora Ana Isabel Boullón animou os alumnos do primeiro curso de Xornalismo a que fixesen unha análise do uso do galego na prensa. Publicado agora na revista da Mesa pola Normalización Lingüística, confirmamos nel unha realidade que temos diante cada día: a porcentaxe de escrita en galego non se corresponde en nada cos datos con que contamos sobre número de falantes.


Vieiros: Cal era a materia que impartías na Facultade de Ciencias da Comunicación? Como xurdiu a idea de elaborardes o estudo?
Ana Isabel Boullón: Dou clase de Lingua Galega no primeiro curso da licenciatura de Xornalismo. Propúxenlles un traballo en grupo de análise da lingua galega nos xornais. Logo pensei en que unificasen os resultados para podelos publicar, porque eran rechamantes. Levamos facendo isto un par de anos e os resultados son coincidentes, tamén cos publicados polo Consello da Cultura en A sociedade galega e o idioma.

V: No artigo publicado en Longa Lingua salienta unha certa cautela coa que se toman os datos. Malia iso, sentistes que se estaba confirmando unha realidade coa que convivimos a cotío?
A. I. B.: O meu propósito como docente era que o alumnado se fixese consciente dunha realidade que xa nos parece natural. Todos lemos os xornais en castelán e xa nin sequera reparamos nese feito. Non se trata propiamente dun traballo de investigación, que precisaría un equipo máis unificado e unha análise durante máis días. Penso así e todo que os resultados son moi representativos.

Pensei logo que dado que eles se están formando como xornalistas estaría ben que o visen publicado, pero o seu lugar non era unha revista científica, dado que é máis ben un traballo divulgativo.

V: A que cres que se debe a imposibilidade de acceder aos datos das subvencións da Xunta por emprego da lingua?
A. I. B.: Penso que aí está a nai do año, na falta de transparencia. Esta foi unha parte do traballo dos alumnos en que eu non intervín pero sei que fixeron varias chamadas á Xunta, tanto a Vicepresidencia como á Consellería de Educación, e que non conseguiron os datos.

O máis salientábel é a constatación dunha situación sociolingüística en que contrasta significativamente o emprego oral e o emprego escrito da lingua. As subvencións á prensa non se traducen nun maior emprego da lingua galega, e isto é denunciábel. Debérase facer un seguimento máis estreito do destino real que teñen eses cartos. Lamentabelmente o poder político quere ter contenta a prensa. Sería de esperar que co cambio de goberno houbese unha maior vixilancia dos investimentos, un cambio de talante.

V: No relativo ás subvención ou convenios de que temos datos, como valoras que a maior contía vaia para a CRTVG?
A. I. B.: Pois paréceme rechamante porque a Radio e a Televisión de Galicia xa teñen orzamentos de seu, e os cartos dedicados a normalización lingüística deberan destinarse para ese fin.

V: Que é o que che parece máis salientábel da análise?
A. I. B.: Pois por exemplo que é lamentábel que o xornal de maior tiraxe, La Voz de Galicia, sexa tamén o que ten unha porcentaxe máis baixa no uso do galego, menos dun 5%. E tamén me parecen destacábis os datos sobre a publicación que tira menos exemplares, o Diario de Arousa, cun 24%. Así mesmo, está o feito de que un periódico do mesmo grupo editorial, La Capital, Deporte Campeón, ten a porcentaxe máis baixa de emprego, menos do 1%. Este é algo así como o órgano de comunicación do Deportivo, quizais estea relacionado este feito co contexto da Coruña.

V: Lendo o voso estudo concluímos que os intentos de promoción do galego nos medios nos foron efectivos. Que cres que sería preciso?
A. I. B.: O fundamental sería a existencia dunha política lingüística real. As porcentaxes de uso na prensa non van aumentar cunha subvención. Os grupos de comunicación din que a súa política a este respecto é reflexo da sociedade, pero vemos no estudo que isto non é así en absoluto para medios como El Progreso en Lugo ou La Región en Ourense, que teñen un emprego moi por debaixo do número de falantes ao que se dirixen.

E penso nunha política lingüística que incida na educación, en cuestións tan básicas coma que se dean en galego as materias que así están estabelecidas, pero tamén noutros medios. Non penso que a política de grandes e custosas campañas, con anuncios, pósters e pins, teña moita eficacia.


4,93/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: