As bitácoras do país quentan motores para cando se coñezan os primeiros resultados.
Os blogueiros máis interesados pola política están a vivir dun xeito especial a xornada electoral. Todos coinciden en animar a xente a votar para poder decidir o futuro dos seus concellos, e fan un seguimento detallado dos seus lugares de residencia.
Así, Lantania anuncia que o seu voto irá contra a privatización dos espazos públicos en Vigo, e afirma: “Alguén unha vez dixo que un voto non cambia o mundo, a súa ausencia si”. Na outra punta do país, Agremon fai unha cobertura extraordinaria no blog Ribadeando, con xa dous posts nos que prevé que as novas se producirán ao peche dos colexios electorais. Malia isto, destaca a marca de visitas na súa bitácora este mes.
No Morrazo, o aletófilo comeza a repasar os resultados das eleccións do 2003 en Bueu, e avisa de que irá actualizando os datos a medidas que se vaian coñecendo. O máis exhaustivo está a ser Nacho Mirás, Rabudo, que conta de primeira man o que vai vendo en Compostela durante a xornada, como xornalista de La Voz de Galicia. As súas previsións dunha importante baixada do Partido Popular estanse a ver diluídas ao comprobar como varias persoas, diante del, toman papeletas encabezadas por Conde Roa.
O autor do blog Nada que dicir, O Nadador, amosa a súa preocupación polos resultados dos comicios locais, dos que dependen os traballos de amigos seus. Silvio Falcón, dende Galiza, por sempre, Galiza, anima a mocidade a votar, visto o descenso da participación no avance das dúas da tarde.