No seu recurso alegará que non desobedeceu unha orde administrativa, para reducir a condena a dous anos e evitar que teña que ir ao cárcere.
Xesús Lence
Alejandro Fernández Pumariño, avogado do empresario e administrador único de Leite Río S.L., Xesús Lence, considera "desproporcionada" a sanción de catro anos de prisión imposta ao seu defendido pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo, como autor dun delito ambiental.
Pumariño explicou que, o feito de que "sexa un pouco desproporcionada, non quere dicir que non se axuste á lei", mais cre que había outras posibilidades legais que tamén se poderían aplicar e que levaría a unha condena máis leve.
"Defensor do medio"
O letrado lembrou que Lence é "un defensor do medio" e puido cumprir con este labor "dende o ano 1993 todos os días, menos un", en alusión ao 1 de setembro de 1999, cando se constatou unha grande mortaldade de fauna piscícola e turbidez nas augas do Río Tórdea como consecuencia dun vertido realizada dende esta empresa láctea.
Fernández Pumariño indicou que ten de prazo cinco días para anunciar que recorre o fallo xudicial e outros 15 para explicar en que se fundamenta para levar a cabo esta decisión. Este tentará que o Tribunal Supremo absolva ao seu defendido e, se isto non é así, polo menos que se lle retire "o tipo de agravante" da sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, segundo a cal cometeu "unha desobediencia dunha orde administrativa".
Evitar o cárcere
O avogado opina que Xesús Lence non incorreu nesta e que, se así o entende o alto tribunal, vería rebaixada a súa condena a dous anos de prisión, e non tería que ingresar no cárcere.
O fallo xudicial tamén inhabilita ao empresario durante tres anos para exercer como administrador mercantil, e terá que facer fronte a unha multa de 24 meses a razón de 300 euros diarios e a unha indemnización de 24.000 euros.
Neste senso, o letrado explicou que, dado que Lence é administrador único e Leite Río é unha empresa familiar onde o resto de integrantes non teñen vinculación co negocio, o propietario da láctea "veríase na obriga de buscar un administrador foráneo".