Entre unha conferencia e outra (o martes estivo en Compostela e este mércores en Ourense), o escritor mantivo un rápido pero frutífero encontro cos medios.
Veu convidado pola institución para participar no ciclo 'América, cada vez máis latina', cunha conferencia titulada A importancia de ser un idiota latinoamericano, referíndose ás publicacións de Plinio A. Mendoza, Carlos Alberto Montaner e Álvaro Vargas Llosa: Manual do perfecto idiota latinoamericano e O regreso do idiota latinoamericano. "Este ano publicouse a segunda serie de insultos: comezou por dicirse que atentabamos contra a liberdade do mercado e logo tratóusenos directamente de idiotas. Pero nós reivindicamos o noso dereito a ser idiotas: hai outra forma de desenvolver a economía e a vida, sen necesidade da inxerencia dos EUA".
Así, o escritor falou sobre as economías socialistas de América Latina: "o modelo de Lula e o de Chávez apuntan á posibilidade de estabelecer "unha outra vía", que en ningún caso se corresponde coa terceira vía da que fala Tony Blair: é o dereito a decidirmos por nós, non dependermos en exclusiva do mercado internacional. Xa vimos que o modelo neoliberal implantado non funciona: a diferenza entre pobreza e riqueza é cada vez maior, e reivindicamos a posibilidade doutro xeito de goberno".
Entre os exemplos das consecuencias do neoliberalismo, citou Ecuador, "dolarizado por imposición do BM e do FMI, e ao perderen o sucre pasoulles como aquí co euro: arredondouse cara arriba o prezo dos produtos de primeira necesidade, o que contribuíu á pobreza, marxinación e emigración. Algúns téñenlle chamado ao fenómeno migratorio ecuatoriano "incorporación da capacidade de traballo dos ecuatorianos ao mercado laboral europeo". Non é así, non é unha migración voluntaria, faise porque no seu país non poden vivir". En canto á proposta de moeda única que lanzou o presidente Rafael Correa, non está certo de que sexa a solución: "hai un desenvolvemento moi desigual nos diferentes países de América Latina".
Á busca de alternativas
Por que modelo económico apostar, logo? "Vivimos na orfandade de referentes: dende que caeu o Muro de Berlín, Latinoamérica deuse de conta que os modelos económicos do Leste de Europa non eran viábeis: tratábase de países moi industrializados, e no noso caso a industrialización é moi precaria: vivimos basicamente da exportación de materia prima e alimentos. O que si se ten que definir como referencia é, en calquera caso, a teoría do desenvolvemento sustentábel: temos que imaxinar que países queremos e camiñar cara a eles".
Aludiu tamén á "democracia formal" de Chile, despois de dezaseis anos de ditadura "na súa Carta Magna a intromisión das leis de mercado na política nacional segue a ser a mesma. A sociedade chilena precisa outra cousa, un sistema político e xurídico de seu, e non que sexa o mercado o que rexe. O caso de Brasil é tamén moi representativo: é máis un continente ca un país, onde conviven a modernidade de Brasilia ou São Paulo, con rexións nas que se descoñece a existencia da electricidade. Non é válido un modelo único: agora están no proceso de formular un marco global de solucións locais. Hai tres millóns de campesiños sen terra, que mesmo non están censados, non son visíbeis, non existen. Trátase de sermos suxeitos do noso propio desenvolvemento, de exercitar o dereito a ser libres, a desenvolvermos as propias capacidades".