O rexedor xustificou dese xeito a tala de árbores no contorno da Ponte de Cernadela que denunciou o BNG.
A tala de varios plátanos no contorno da praia fluvial da Ponte de Cernadela, en Mondariz, provocou as protestas do BNG do concello. O alcalde, Julio Alén, recoñeceu no último pleno ordinario que se cortara media ducia de árbores na zona “para mellorar as vistas da ponte e beneficiar as persoas que teñen alerxia”.
Os edís nacionalistas tacharon o alcalde de “bruto e ignorante”, pois consideraron que só un dos exemplares talados prexudicaba realmente a ponte medieval de Cernadela. Alén replicou que os plátanos tamén lle afectaban á calzada medieval empedrada, punto que os concelleiros do BNG negaron. Para rematar o asunto, Alén afirmou que seguirá cortando esas árbores “porque non son especies autóctonas”.