Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

BNG: cancelas aos "raposos" urbanísticos

"As únicas fotos que pode ofrecer Núñez Feijoo son as dos seus amigos de Gondomar cazados cobrando comisións", dixo Anxo Quintana en Pontevedra.

Redacción - 09:00 19/05/2007

O voceiro nacional do BNG respondíalle así ás críticas do presidente do PpdeG ás fotos de Quintana durante o que vai de campaña. "Ten razón en estar enfadado, será porque eu podo facer esas fotos e el non", ironizou Quintana, referíndose por exemplo ás imaxes tiradas a pé de batería nun local de ensaio en Boiro ou remando no Cabe, en Monforte. "Eu podo presumir das políticas que o BNG puxo en marcha nestes concellos", destacou.

O líder do BNG atribuíulle á súa formación o mérito de poñer na axenda de campaña "os temas que lle importan á xente". "Se non fóra por nós ninguén falaría agora de políticas sociais e de vivenda", opinou. Por outra parte, destacou a "firmeza" do alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, fronte aos casos de Ence e Elnosa. "Somos claros e non actuamos por conveniencia, coma os demais", indicou, reflexionando que "outro alcalde, no seu lugar" probablemente "tremería" se tivese que dirixirse a estas empresas.

Por outra parte, tanto Quintana como Lores criticaron duramente ao candidato do PP na cidade, Telmo Martín, subliñando os seus negocios no sector da construción e advertindo que "xa dixo moi claro a que viña á política". "Preséntase a Pontevedra un rico especulador ao que lle quedaron curtas as súas andanzas urbanísticas en Sanxenxo e quere ampliar mercado en Pontevedra", dixo Lores, chamando a non deixar ao "raposo a coidar das galiñas".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: