Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA A XOSÉ CARBALLIDO PRESAS

"O potencial do agro foi sempre infravalorado"

O director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias falou con Vieiros das principais medidas da consellaría para combater a crise xeracional do rural.

R.V. - 09:00 16/05/2007
Tags: agro axudas
Carballido nun acto no Rosal / Foto:inforosal.com

Carballido nun acto no Rosal / Foto:inforosal.com

A Consellería de Medio Rural vai publicar este mércores unha nova liña de axudas (33 millóns de euros) que buscan a incorporación de xente nova ao sector agrogandeiro. Os mozos son o principal obxectivo deste novo investimento público. As subvencións chegan cando a consellaría redobra esforzos para poñer a andar o Banco de Terras, unha das medidas lexislativas máis ambiciosas e tamén controvertidas que ten previsto poñer o Goberno. Falamos deste momento crucial con Xosé Carballido Presas, director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Vieiros: Cales seguen a ser os principais problemas para garantir un relevo xeracional no agro?
Xosé Carballido: Un dos problemas fundamentais é que hai moitas explotacións non teñen dimensión para ser viábeis. Outra razón a maiores é que para acceder a esas mesmas explotacións hai que facer unha serie de melloras e gastos. Logo non podemos esquencer que tamén hai unha mala imaxe da agricultura que foi sempre infravalorada.

V: É o Banco de Terras a solución?
X.C: Nós cremos que o Banco de Terras, mediante o aluguer, vai combater os problemas de dimensionamento de moitas explotacións. Os mozos van ter preferencia e vai haber axudas específicas para eles.

V: Os propietarios tamén están á expectativa...
X.C: O Banco de Terras garante que pasados cinco anos o terreo volve ser do propietario sen problema ningún. O organismo público é unha garantía de cobro para os donos e tamén de que van recibir as fincas nas mesmas condición nas que as cederon.

V: En que momento está o proxecto?
X.C: A lei xa se aprobou, agora estase a elaborar unha ferramenta informática que sirva como base de datos. Agardamos que a partir do 1 de setembro o banco estea en marcha. Queremos informar moito porque é unha lei ambiciosa e novidosa. Aínda que algún partido se adicou a dicir que iamos expropiar, estamos atopando moito interese por esta iniciativa.

V:Cando comezará a dar os seus froitos o Banco de Terras?

X.C: Eu creo que ao final da lexislatura xa se poderán visibilizar as vantaxes desta iniciativa. Claro que isto vai depender moito da resposta e da demanda da xente. Galiza precisaba con urxencia unha lei destas características. De cada catro hectáreas, só temos unha de superficie agraria útil. En Europa a media é o dobre.

V: Estase logrando que a xente nova volva os ollos cara o rural?

X.C: O ano pasado houbo 1.200 mozos que se incorporaron como titulares de explotacións, algo que non aconteceu nos últimos vinte anos. Hai que seguir por este camiño.


Ligazóns

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: