Dous dos grupos participantes darán un concerto de presentación en Madrid o día 25.
O festival Cultura Quente, que se celebra cada verán en Caldas, chega este ano á súa décima edición. A organización escolleu desta volta Madrid como sede do concerto de presentación. O venres 25 estarán na sala El Sol da capital do Estado dous dos grupos que estarán no festival en xullo: Ectoplasma e Elodio y los seres queridos. Ambos os dous acaban de publicar cadanseu disco.
O Cultura Quente 07 desenvolverase o 13 e o 14 de xullo en dous escenarios da Carballeira de Caldas, e contará coa presenza de grupos nacionais e internacionais. Por parte galega estarán, ademais de Ectoplasma e Elodio, The Ellas, Dismal e Cat People, mentres que Sex Museum e Zodiacs representarán o Estado.
Os británicos Asian Dub Foundation, Kula Shaker e White Rose Movement, o estadounidense Marky Ramone, os franceses Fancy e Gong Gong, os mexicanos Nortec Collective e o sueco Jay-Jay Johanson completan o cartel.