Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Miguel Anxo Murado presenta o seu novo conxunto de relatos

“A febre aparece como unha metáfora da literatura”

Cultur.gal arranca en Pontevedra con cine, música humor e, sobre todo, moitos libros.

Modesto del Río - 19:10 10/05/2007
Miguel Anxo Murado

Miguel Anxo Murado

A primeira xornada da feira do libro e da industria cultural Cultur.gal desenvólvese cunha importante presenza da literatura. Fina Casalderrey, María Reimóndez e Suso de Toro asinan nos seus respectivos postos exemplares dos seus libros, mentres que o escritor lugués Miguel Anxo Murado presenta ás sete no Café Literario o seu último traballo, O soño da febre.

Sete anos despois da súa anterior obra narrativa, Murado edita a nova novela en Galaxia. O soño da febre presenta unha serie de historias sorprendentes, oníricas ou simbólicas, que xorden da pantasma da febre. Son once narracións que se desenvolven en distintas partes do mundo.

Vieiros: A que se debe o título do libro?

Miguel Anxo Murado: A febre é a protagonista do libro. O soño da febre é un conxunto de relatos relacionados entre si por un fío común: a febre. Sempre hai unha persoa que a padece ou a febre xorde dalgún xeito nas historias. Teñen esa unidade temática. A febre aparece como unha metáfora da literatura, dun xeito distorsionado de ver a realidade.

V: Xa levaba un tempo sen publicar obras de ficción.

M. A. V.: Levo unha carreira paralela como escritor e como xornalista, pero fun antes escritor que xornalista. O libro parte dunha experiencia persoal, dunha febre que sufrín no Cairo hai uns anos no meu traballo xornalístico. Non é unha obra autobiográfica, senón que está transformada literariamente. Está na fronteira entre a literatura e a realidade, pero é literatura.

V: E que lle está a parecer a feira?

M. A. V.: Acabo de chegar, pero teño unha impresión moi boa. Penso que, aínda que de momento é o primeiro ano, está a resultar unha feira magnífica. Dá a oportunidade de ver, dunha ollada, toda a cultura galega, o que está moi ben para xente coma min, que vivimos fóra.

A xornada do venres no Cultur.gal abrirase ás dez da mañá cun seminario sobre comercio internacional do libro, que continuará pola tarde. Ao longo do día proxectaranse curtametraxes de ficción, ao mediodía; documentais, pola tarde; o making of de Hotel Tívoli, o novo filme de Antón Reixa, e, xa á noite, Estudos sobre María Mariño, de Manuel Forcadela.

Tamén haberá música, coas actuacións da banda de Pontevedra, ao mediodía, e de Malvela, á noitiña. Ás seis e media da tarde presentarase o disco Engado, de Xosé Lois Romero para Nova Galega de Danza.

Outras actividades serán a presentación do programa MEGA (Música en Galicia) de Culturagalega.org, un experimento de dobraxe cinematográfica con escenas de varios filmes do pais, e as emisións en directo dos programas As quimbambas, da Radio Galega, e Xabarín Club, da TVG.

E, de novo, o libro contará co espazo máis amplo. Presentaranse a novela Plastilina nos pulmóns, de Jaureguizar, e a revista NDL (Novas de libros), da AGE. Así mesmo, Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda, Xavier Redondo Abal, Agustín Fernández Paz, Eduardo Rolland e Héctor Carré asinarán exemplares das súas obras. O programa completo pódese consultar na web da feira.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: