Todas as webs dos alcaldábeis de Vigo, Ferrol e Ourense incumpren cos estándares que garanten o acceso de maiores e discapacitados á información
Juan Juncal, do PP ferrolán
O 10% da poboación galega sofre algún tipo de discapacidade e outro 22% ten máis de 65 anos. Son polo tanto dous colectivos chave no resultado das vindeiras eleccións municipais.
Para que maiores e discapacitados poidan consultar as webs normalmente, o World Wide Consortium -ente que fixa os estándares de internet- estableceu unhas regras. Pois ben, ningún dos sitios dos candidatos de Vigo, Ferrol e Ourense -as cidades cuns resultados máis incertos- cumpren estes estándares.
Vieiros someteu os portais dos alcadábeis de PP, PSOE e Bng ao test TAW, ferramenta de referencia para medir a accesibilidade. O mellor parado é o candidato do Bloque en Vigo, Santi Domínguez, que só ten un fallo de primeiro nivel e catro de nivel cinco. O peor é o Juan Juncal, líder popular en Ferrol, con 318 erros de primeiro e segundo nivel.
O TAW clasifica os erros de accesibilidade en varios niveis. Hai fallos de nivel 1 cando "un ou máis grupos de usuarios" non poden acceder á información da web por culpa do código. Os problemas de nivel 2 danse cando certas persoas teñen dificultades para acceder ao sitio.
Ranking de accesibilidade
Logo de Domínguez, na clasificación de webs máis accesíbeis sitúase Francisco Rodríguez, candidato socialista por Ourense, con 33 erros. Álex Sánchez Vidal, cabeza de cartel do Bloque nesta cidade, ten 59.
As webs de Abel Caballero (60 erros), Enrique Nóvoa (105 erros), Corina Porro (131 erros, pero só un de primeiro nivel), Xoán Xosé Pita (129 erros), Vicente Irrisari (205 erros) e Juan Juncal (318 erros) tampouco prestan a atención necesaria aos discapacitados e persoas maiores.
O galego domina as webs electorais
No referido á lingua, todos os candidatos apostan polo galego. A excepción á regra é o conservador Juan Juncal, que só emprega o castelán. Polo contrario, os candidatos do BNG usan exclusivamente a lingua do país, mentres que os socialistas e o resto dos populares mesturan os idiomas, ás veces de xeito anárquico, coma no sitio de Abel Caballero.