Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por unha campaña que contén o termo "independencia"

O PP acusa a Vicepresidencia de utilizar as persoas dependentes para "promover a autodeterminación"

As críticas dos populares coinciden co inicio dunha campaña informativa sobre a Lei de Dependencia.

Redacción - 15:42 07/05/2007
Anxo Quintana presentando a campaña

Anxo Quintana presentando a campaña

O lema elixido por Vicepresidencia para unha campaña dirixida a persoas dependentes está a erguer unha nova batalla política. O PPdeG cre que o departamento que dirixe Anxo Quintana está a lanzar “proclamas a prol da autodeterminación”. O motivo do enfado é unha publicidade institucional que di: “Dende o 7 de maio podes declarar a túa in/dependencia”. A campaña informativa está dirixida á cidadanía para facilitar información sobre a Lei de Dependencia.

Mais para os conservadores o lema é xa “casus belli”. Para o PPdeG, con esta campaña búscase “alimentar as ansias de autodeterminación dos sectores máis radicais do Bloque, buscando achegar a áctual dirección nacionalista a un sector tradicionalmente reacio fronte á liña política de Quintana”. Os populares esíxenlle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que chame á orde ao líder nacionalista.

Campaña
As críticas dos populares coinciden coa posta en marcha do dispositivo do Sistema Galego de Atención á Dependencia. Este luns comezaron a funcionar 81 puntos de información e asesoramento nos que xa se poden entregar as solicitudes para as valoracións de dependencia.

Vicepresidencia continúa así coa campaña "In/dependencia" na que haberá catro autobuses itinerantes por todo o país ofrecendo información. O departamento da Xunta puxo a funcionar un teléfono gratuito (900 333 666) onde se facilita información.


4,93/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: