Xurxo Romaní, membro do grupo folk galego-catalán "Ondina Xana" envíanos un artigo comentando a actuación que o Ballet Rei de Viana fixo o mércores da pasada semana en Barcelona. Este grupo artístico, recoñecido internacionalmente, desperta sempre gran expectación nas comunidades galegas emigradas en todo o mundo. Mais, esta vez, quizás debido a unha deficiente organización ou a un repertorio demasiado coñecido, a afluencia de público non foi a esperada.
O mércores pasado, 10 de marzo, asistimos á representación do Ballet Rei de Viana no Teatro Goya. Costa crer que un espectáculo tan representativo da nosa música e danza tivese tan baixo poder de convocatoria, e supoñemos que é atribuíble a erros ou fallas na publicidade, que foi cáseque inexistente. Sen embargo, os poucos que alí estivemos puidemos catar a súa esencia. A representación prevista chamábase "Ultreia", e polo que sabemos era unha montaxe bastante innovadora baseada no mito xacobeo, e na música de Amancio Prada.
Por desgracia, debido ás dimensións do esceario, non se puido levar a cabo, polo que a compañía interpretou basicamente os números que leva facendo desde os últimos 15 anos. Cando un vai ver o Rei de Viana ten que saber perfectamente o que se vai atopar: baile galego reinterpretado coa linguaxe do ballet clásico, un vestuario non sempre fidel aos criterios históricos, pero espectacular, e un grupo acompañante de músicos de altisimo nivel. Con estas premisas, os números son de doada dixestión: a fermosisima e misteriosa "danza das fiandeiras", o "paso a tres", ou a "romería" final. Todos eles, ben coñecidos por calquera que teña visto o Ballet ao longo da súa historia, deixan bo sabor de boca, ennobrecen a nosa música e a nosa danza, e a sitúan no cumio da expresividade, espectacularidade e sensibilidade que sen dúbida teñen.
Pero non podemos deixar de sinalar defectos incomprensíbeis: a predominancia da música "enlatada" é xá un mal endémico do Rei de Viana, e non entendemos por que os músicos non interpretan máis pezas en directo. Ninguén vai a ver un espectáculo no que lle poñen música pregravada, cando ademáis a pode tocar nada menos que Suso Vaamonde. Para maior desconcerto, o equipo de son é nefasto, e fai soar "a bruxa" ou "Aires de Pontevedra" de Milladoiro coma se fosen gravacións de disco de pedra. Cando toca o corpo de músicos en directo faise de súpeto a luz, e a afinación perfecta das gaitas e o bo facer dos percusionistas fan esquecer calquer posibilidade de crítica.
A apoteose é a peza só musical que interpretan, con zanfoña, gaitas en diferentes tonalidades, frauta traveseira, e percusión. Fantástica. Agardamos que paseniño vaian gañando terreo estes músicos e convenzan á dirección do Ballet da necesidade de aproveitar o que aí teñen, que non é pouco. Por outra banda, novamente apuntar a queixa de ver ano tras ano os mesmos números sen apenas variacións. Noraboa para o Rei de Viana, pero hai que tirar para diante e facer cousas novas. Renovarse ou morrer.