Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Até o domingo 6 de maio

Máis de 250 profesionais participan en Lugo na V Convención de Xornalistas

Baixo o lema "Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista", debaterase sobre a esixencia de profesionalidade no exercicio do xornalismo.

Redacción - 17:28 04/05/2007
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá a V Convención de Xornalistas de España

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá a V Convención de Xornalistas de España

O Foro de Organizacións de Xornalistas organiza esta xuntanza que reunirá durante a fin de semana a máis de 250 profesionais da información de toda España, Portugal e Francia. Desde este venres, e até o domingo 6 de maio, as xornadas transcorrerán baixo o lema “Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista”.

Logo dunha recepción oficial presidida polo alcalde de Lugo Xosé Clemente López Orozco, a convención bota a andar no serán deste venres coa conferencia “A regulación dos medios de comunicación audiovisual. Sistema europeo e desafíos para o estado español", a cargo de Josep María Carbonell, Presidente do Consell de l'Audiovisual de Catalunya.

O sábado día 5 o Pazo de Feiras e Congresos acollerá a exposición das diversas comunicacións arredor dun eixo común, o debate sobre a condición do xornalista profesional. Ás 10 intervirá Victor Sánchez (AGP-UGT) coa comunicación Fundamento constitucional da función de informar e a necesidade do xornalista profesional, nun debate moderado por Enric Bastardes (FeSP).

As comunicacións continuarán con Pousa con “Xornalistas, intermediarios necesarios”, moderado por Juan Carlos Huerta (AGP-UGT); Dardo Gómez (FeSP), con “Elementos que atentan contra la mediación del periodismo”, moderado por Luís María González (CC.OO.), Carmen Rivas (CC.OO.) con Presente e futuro da radiotelevisión, moderado por Juliá Castelló (CPC), Pilar Casanova intervirá con Periodismo/Publicidade/Propaganda nun debate moderado por Antón Luaces (CPXG); e A situación do Estatuto do Xornalista Profesional a cargo de Rafael Díaz Arias (CC.OO) e A situación de Telemadrid, de Mª Jesús Puente (Telemadrid), estas dúas últimas moderadas por Xosé Mª García Palmeiro, decano do CPXG.

A xornada do domingo acollerá un debate sobre muller e xornalismo, centrado na precariedade que padecen as xornalistas mozas e a loita pola igualdade de mulleres e homes. A mesa de debate levará por título “Muller, Xornalismo e Igualdade” e estará coordinada por Carmen Rivas (CC.OO), participarán Sonia Vizoso (CPXG), Belén Puñal (FeSP), Elvirá Altés (CPC), Silvia Tubio (CC.OO.) e María Solar (AGP-UGT).

Nesta liña, ás 13:00 horas terá lugar a entrega do I Premio de Xornalismo Muralla Aberta. O Concello de Lugo, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca este ano a primeira edición deste premio co fin de fomentar a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, contribuír a erradicar a violencia de xénero e destacar aquelas mulleres que desempeñaron un importante papel nalgún ámbito.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: