Os Magical Brothers estrean vídeo musical no programa infantil e xuvenil da Galega.
O Xabarín
O Xabarín Club promocionará durante o mes de maio a lingua animando as carreiras do Correlingua 07. O programa da Galega dedicado á rapazada chega cargado de novidades no mes das Letras, tamén coa estrea dun novo vídeo musical dos Magical Brothers.
As galas matinais do Xabarín comezarán o día 2 en Fene e continuarán, durante os seguintes días, por Santiago, Viveiro, Lugo, Ourense, A Guarda, Vigo, Vilagarcía, A Coruña e Pontevedra, o día 16. As actuacións, previas ao Días das Letras, servirán de adianto dos Xaba-bolos, que se desenvolverán a partir do mes de xuño por Galiza adiante.
Novo vídeo clip
Outra das novidades é a próxima estrea no programa da Galega do novo vídeo musical dos Magical Brothers, no que interveñen Piti Sanz, César Goldi e Luis Tosar. O grupo no que participa o actor lugués levaralles aos rapaces a súa canción Radio Magical.
O vídeo está realizado por Jorge Coira e presenta os seus tres protagonistas interpretando todos os papeis: dende bailarinas dos sete veos até manifestantes ou membros do público.