Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Observacións ao anteproxecto

Canal critica a ‘Lei de desenvolvemento sostíbel do Medio Rural’ do Ministerio de Agricultura

Desde a Consellería sinalan que limita as medidas de actuación a só o 28% dos habitantes de Galiza.

Redacción - 11:20 28/04/2007

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, sinalou este venres que o anteproxecto de “Lei de desenvolvemento sostíbel do Medio Rural’ do Ministerio de Agricultura coarta a participación directa das comunidades autónomas no proceso de elaboración lexislativa, cun defecto de forma ao non permitir presentar alegacións.

Segundo Canal, o novo texto pode xerar un conflito de competencias co Estado en aspectos como o fomento do emprego, infraestruturas, educación, cultura, urbanismo, vivenda e servizos sanitarios. Deste xeito, denuncia que a lei podería condicionar as políticas dos gobernos autonómicos e os fondos comunitarios comprometidos ao Plan de Desenvolvemento Rural.

Desde a consellaría sinálase que o programa de desenvolvemento rural sustentable debe recoller exclusivamente directrices marco, xa que a definición concreta das medidas, a súa execución e xestión debe residir nas comunidades autónomas. Así, advírtese de que o texto proposto non asegura que se vaia respectar ese reparto de competencias e anticípase que a participación autonómica na elaboración do programa limítase á emisión dun informe non vinculante cando previamente se anunciara unha colaboración directa.

A nova definición limita as medidas de actuación

Suárez Canal tamén sinala que a definición do termo ‘medio rural’ contida no anteproxecto de lei é inadecuada. O texto define Medio Rural como espazo xeográfico formado coa agregación de termos municipais que posúan unha poboación inferior a 20.000 habitantes e unha densidade inferior aos 100 habitantes por quilómetro cadrado. A consellaría asegura que ao non diferenciar entre municipio e entidade de poboación, esta condición resulta inapropiada para a dispersión de habitantes que caracteriza a Galiza, o que provocaría que só o 28% da poboación fose considerada como habitante no medio rural. Así, coa aplicación desta medida, municipios eminentemente rurais como Lalín, A Estrada, Tomiño ou O Rosal quedarían fóra desta denominación.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: