Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avogan polo "repotenciamento" dos que hai en terra

Expertos ambientais desaproban a instalación de parques eólicos mariños

Xan Duro, de Verdegaia, Tino Quintela, da Federación Ecoloxista Galega, e Fins Eirexa, de Adega, explican en Vieiros as consecuencias negativas que implicaría a súa implantación en Galiza.

Fernando Arrizado - 10:00 28/04/2007

A intención do Ministerio de Industria español de crear un mapa estatal de áreas mariñas no que se puidesen incluír xeradores eólicos provocou o inmediato rexeitamento do Goberno, amparándose "no mandato do Parlamento". Xa en novembro de 2005, a Cámara aprobara por unanimidade "a súa posición contraria á instalación de parques eólicos mariños no litoral de Galiza".

Co Real Decreto que se está a elaborar, o goberno español pretende desbloquear a creación de parques eólicos no mar. Contan, ademais, cun informe favorábel de Greenpeace, publicado en datas recentes, no que se afirma que a costa galega é a zona máis axeitada do Estado para desenvolver esta tecnoloxía.

Profundidade máxima de 30 metros

Porén, dende as asociacións ecoloxistas do país critícase o estudo de Greenpeace, e cualifícase a posición da Xunta de "prudente" e "ben acaída".

Segundo Xan Duro, coordinador xeral de Verdegaia e máximo responsábel da área de Enerxía e Traballo desta organización, a produción eléctrica estimada dos parques ecolóxicos mariños "non compensaría o impacto ecolóxico e visual" que este tipo de instalacións producirían nas nosas costas.

"A tecnoloxía actual obriga a construír os parques en zonas cunha profundidade máxima de 30 metros. Dada a singularidade da plataforma litoral galega -moi curta-, obrigaría a instalar os muíños moi preto da costa, co conseguinte impacto paisaxístico", explica Xan Duro. Ademais, sinala, "estamos situados nunha importante zona de paso das aves migratorias, tanto por riba como en paralelo á costa", que se vería gravemente afectada.

Evitar caer en erros pasados

As condicións características do litoral galego non fan viábel, na actualidade, a explotación da enerxía eólica mariña, se na balanza entran tamén os valores ambientais e non só os de rendibilidade económica, segundo os expertos consultados por Vieiros. Porén, o coordinador xeral da Federación Ecoloxista Galega, FEG, Tino Quintela, matiza que "cunha planificación e análise adecuados das diferentes zonas marítimas de Galiza, podería ser unha posibilidade a estudar".

"Non nos podemos basear nun simple mapa de ventos, para decidir o lugar adecuado para a súa instalación", sinala, e incide na suma importancia dunha boa planificación nun hipotético caso. "Tristemente, Galiza é un exemplo claro de como unha magnífica idea (a enerxía eólica terrestre), convértese en algo desastroso".

"A falta de planificación ou a planificación en base a intereses económicos dos lobbies sectoriais é a base da maioría dos problemas non só neste eido senón en tódolos aspectos ambientais ou de urbanismo", afirma Tino Quintela.

Nin receitas milagreiras, nin modelos fotocopias

Aínda máis crítico amósase Fins Eirexa, secretario executivo de Adega. Este afirma que cómpre fuxir de "modelos caóticos" como o desenvolvido coa enerxía eólica en terra durante a "era Fraga", que "poucos beneficios deixou para os galegos, e si moitos impactos negativos e inxustiza social".

Advirte, ademais, dos aprendices de bruxo que pretenden "facer probas" nas costas galegas. "As rías galegas son xunto os mares polares e a costa oeste de América do Sur as máis ricas do mundo; non xoguemos a ver como lle afectaría ás correntes frías a instalación dun parque eólico", di Eirexa.

O representante de Adega considera que non existen nin "receitas milagreiras" nin "modelos fotocopias", e critica estudos como o de Greenpeace que non teñen en conta as peculiaridades do país.

Repotenciamento, aforro e eficiencia

Outro punto de coincidencia plena entre os tres expertos consultados é na necesidade de levar a cabo políticas de aforro e eficiencia que sexan combinadas coas enerxías renovábeis alternativas e limpas. "Non hai necesidade de producir máis enerxía en Galiza -exportamos o 40% do que xeramos", afirma Fins Eirexa, e engade que "antes cómpre conter a demanda e o consumo".

No mesmo senso pronúnciase Tino Quintela, quen advirte que "o aforro é a única solución para manter unha sociedade sustentábel no tempo" e que, máis que falar de enerxía eólica marítima, prefire afondar en sistemas descentralizados de produción. É o exemplo dos sistemas de autoabastecemento pola forza do vento en polígonos industriais, mediante parques adheridos estes, "pouco desenvolvidos no noso país".

"Mellor ca a instalación de muíños no litoral é o repotenciamento dos que xa temos en terra", afirma Xan Duro, algo no que están de acordo Eirexa e Quintela. Segundo afirman, a mellora da tecnoloxía nos últimos anos permitiría trocar os xeradores antigos, algúns de 0,3 Mw, por outros de 3Mw. Incluso, poderíase chegar a producir o paradoxo de que diminuíndo o número de parques, ou mesmo eliminando algúns especialmente significativos como o da Serra do Xistral ou Cabo Vilán, a produción aumentase.


4,58/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: