A banda de Aríns pendura na rede un traballo audiovisual elaborado por Antón Matías, Xosiño Blanco e Tomás Rúa.
Vituco Neira conta que a idea de realizar o novo clip de Ruxe-Ruxe “partiu duns profesionais do audiovisual -Antón Matías, Xosiño Blanco e Tomás Rúa- que escoitaron a canción, Neve, prestoulles e propuxéronnos facelo. E nós, encantados”.
Aínda que a idea era gravalo en exteriores, o mal tempo que afectou o noso país, e Compostela en particular, o mes pasado fíxolles trasladalo ao seu local de ensaio, que tempo atrás fora unha corte de vacas. “Fíxolles moita graza todo o que hai nas paredes”, e así se reflicte no vídeo, con moitos planos dos adhesivos que se foron acumulando na sala ao longo de dez anos de actividade musical.
O lanzamento do vídeo serve, asemade, para celebrar o éxito do seu último traballo, Comercial, que esgotou en apenas un mes e medio as súas 1.500 copias. E iso que a distribución de discos en galego non pasa polos seus mellores momentos. “O tema de vender discos físicos acabouse. O importante é que se escoite a nosa música”, a través de novos medios como a internet. A segunda edición está a piques de saír do forno.
Mentres, Ruxe-Ruxe segue dando concertos dentro da Rede Galega de Música ao Vivo, o venres na sala Woodstock de Portonovo, ás doce menos cuarto, e o 5 de maio en Salvaterra, na Vagalume. “Logo xa temos pechados actos para o verán”, anuncia Vituco.