Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Sexo si, mais sen magoar o planeta"

Decálogo do bo 'ecosexual'

Os principais mandamentos aconsellan cambiar lubricantes por aceite de oliva ou unto, e apagar a luz á hora de botar un ferrete.

Redacción - 14:08 25/04/2007
Consigna ecosexual: "Come orgánico"

Consigna ecosexual: "Come orgánico"

A contaminación ambiental, o quecemento global, a chuvia ácida ou os vertidos ás nosas augas son asuntos de cabeceira na loita dos grupos ecoloxistas. Individualmente hai moitas formas de colaborar na diminución do impacto nocivo do ser humano no planeta, dende o uso do transporte público até a redución, reutilización e reciclaxe (os tres famosos R) dos produtos de consumo habitual.

Mais hai outros eidos da nosa vida diaria -é un falar- nos que tamén se pode axudar. Segundo recolle nas súas páxinas o diario arxentino Clarín, grupos ecoloxistas como Tree Hugger en América ou Greenpeace en Europa habitualmente levan a cabo campañas para fomentar o sexo ecolóxico. De feito contan con cadanseu decálogo de boas prácticas.

O sexo, mellor polo día

"Habitualmente non se fala do sexo neste sentido, mais forma parte importante das nosas vidas e inflúe no ambiente; por exemplo, a reprodución é un dos factores que máis impacto teñen sobre o planeta", explica Jacob Gordon, especialista en 'sexo ecolóxico' do portal TreeHugger.com.

Pola súa banda Greenpeace publicou tamén hai tempo unha lista de prácticas "para ser unha 'bomba' na cama sen danar o planeta". As propostas son variadas, dende apagar as luces para non gastar enerxía ou manter relacións sexuais durante o día, até trocar os lubricantes por produtos químicos contaminantes, por outros naturais, como o aceite de oliva ou o unto.

Aforrar auga é outra das máximas a cumprir polo perfecto "ecosexual", xa que logo, as duchas en parella que se estenden demasiado no tempo tamén están prohibidas.

Hortalizas si, mais con condón

No que se refire aos xoguetes sexuais, moi prácticos á hora de aumentar o pracer, aconséllase o uso de froitas como os plátanos, ou hortalizas como as cenorias, dado que na maioría dos casos os compoñentes das 'ferramentas' comercializadas nos sex-shops son nocivos para a saúde do planeta.

A sexóloga Celia Laniado asegura que "non está mal o uso de verduras", mais lembra que estas "deben estar perfectamente hixienizadas, e compre utilizalas con preservativo e lubricante (suponse que unto), porque algunhas se desfán".

Prohibidas as ostras
En canto á lencería e a roupa interior, existe unha gran variedade de prendas sexys feitas a partir de bambú e algodón orgánico. Outro mandamento ecolóxico obriga a evitar o consumo de ostras como afrodisíaco, para colaborar na preservación do ecosistema mariño.

"As persoas que deciden optar polo sexo ecolóxico, danse de conta de que una vida ecolóxica é unha vida mellor", resume Gordon, e lembra o derradeiro dos consellos do decálogo de Greenpeace: "Fai o amor e non a guerra".


Ligazóns

4,87/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: