Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Vivenda presenta o Plan de Calidade na Edificación

A distancia entre edificios deberá ser, como mínimo, de 18 metros

A Norma do Hábitat promoverá vivendas máis amplas, mellor iluminadas e accesíbeis para as persoas con mobilidade reducida.

Redacción - 19:35 24/04/2007
Teresa Táboas, na súa comparecencia desta terza no Parlamento

Teresa Táboas, na súa comparecencia desta terza no Parlamento

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, compareceu esta terza no Pleno do Parlamento para explicar o Plan de Calidade na Edificación. Integrado pola Normativa do Hábitat (NHG), a futura Lei de Calidade e o Laboratorio de Sustentabilidade, o plan contempla, entre outras medidas, o incremento da superficie mínima das vivendas que se constrúan en Galiza.

No que atinxe á iluminación, e co obxectivo de que as vivendas teñan o maior número de horas de iluminación natural, a conselleira adiantou que "todas as estancias vivideiras agás o baño deben ser exteriores". Como excepción, só a cociña ou un dormitorio poderán dar a un patio interior que en ningún caso poderá ter unha superficie inferior a 16 metros cadrados.

Accesibilidade e espazos exteriores

Na NHG a accesibilidade pasa a ser un factor fundamental. "Queremos que todas as vivendas que se constrúan estean preparadas para acoller a unha persoa que, de xeito temporal ou de xeito definitivo, vexa reducida a súa mobilidade”, subliñou Táboas. Neste sentido, os corredores, as portas e os baños deberán ser máis anchos para permitiren o paso dunha cadeira de rodas.

A nova normativa tamén redefine o concepto de espazos exteriores de calidade, que deben ser incorporados no planeamento urbanístico. Por exemplo, a NGH fixa en 3 metro o ancho para a circulación peonil nas beirarrúas, e a distancia mínima entre edificios non será inferior a 18 metros.

Incremento medio de 2 metros

Táboas explicou que a futura NHG "estabelece un incremento medio de 2 metros cadrados por habitación", de tal xeito que, a superficie mínima dos dormitorios será de 8 metros cadrados, e non de 6 como se permite na actualidade.

"O cambio máis importante prodúcese na vivenda dun só dormitorio, onde a superficie mínima queda establecida en 40 metros cadrados útiles, con todas as estancias separadas". Xa que logo, non se vai permitir a construción de estudos de 26 metros cadrados, onde non se diferencia a zona vivideira, da zona de descanso.

Colaboración cos concellos

A Consellería de Vivenda e Solo vai poñer a disposición dos concellos recursos económicos e persoal cualificado para verificar o cumprimento dos criterios de calidade, para garantir o correcto cumprimento das competencias municipais.

Neste senso, Táboas anunciou que a consellaría vai propor aos concellos, a través da FEGAMP, "fórmulas de colaboración que terán plasmación orzamentaria en 2008, porque somos conscientes da dificultade que teñen moitos municipios para faceren efectivo ese control por falta de medios".

En substitución da norma de 1992

A Norma do Hábitat Galego, que substituirá ao actual Decreto de Habitabilidade de 1992, recolle todos os parámetros que estabelecen a calidade mínima de como se deben construír as vivendas en Galiza, ben sexan protexidas ou de prezo libre, "e tendo en conta que a calidade afecta tanto ao interior como ao exterior das vivendas", salientou Táboas.

Esta normativa fixa as condicións mínimas das vivendas galegas en aspectos como a superficie e dimensións, accesibilidade, iluminación, ventilación, acabados dos edificios, espazos públicos e funcionalidade das vivendas, entre outros aspectos.


4,77/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: