A política municipal está baixo sospeita. A corrupción urbanística, o transfuguismo de última hora e a xudicialización do debate pexan o debate electoral previo á campaña. Non hai día que os medios de comunicación non poñan no albo un novo concello, un novo alcalde, un novo candidato. Avanzamos o editorial do nº 119 de TEMPOS Novos.
Foz, Viveiro, Fisterra, Barreiros, A Estrada, Malpica, Ourense, Salceda de Caselas, Ares, Nigrán, Gondomar, Arteixo, Cee, Narón, A Cañiza... O catálogo é inesgotábel: suborno, prevaricación, suspensión do planeamento, adxudicacións irregulares de obra pública, licenzas ilegais... Non hai acougo nin tampouco a vontade política precisa para procuralo. O urbanismo segue a ser un drama de país convertido en arma arreboladiza para a primavera electoral, unha ferramenta de acción colectiva secuestrada pola ignorancia, o minifundismo e a corrupción. Erra o conselleiro de Traballo se pensa de verdade que abonda con prohibir aos alcaldes socialistas que repartan o tempo entre as comisións de goberno e a promoción inmobiliaria. O problema é ben máis grave, moito máis vello e é de todos. Mágoa que o vindeiro 27 de maio se celebren eleccións locais e non un referendo sobre a calidade da clase política que goberna nos concellos. Cómpre unha rexeneración urxente.
A mellora da atención primaria
Un sistema sanitario forte precisa dunha atención primaria (AP) forte. Así o afirmou Barbara Starfield e os expertos estiveron dacordo. No discurso político instalouse a ledaíña de priorizar a atención primaria. Mais nos orzamentos, que é donde se definen as verdadeiras prioridades, o bocado grande foi sempre para os hospitais. Así, o primeiro nivel asistencial, que protagonizara unha profunda reforma na década dos oitenta, foi perdendo calidade e capacidade de resolución. A día de hoxe as consultas de AP están masificadas e burocratizadas. Este problema non é exclusivo de Galicia. O Ministerio de Sanidade presentou no Consello Interterritorial un documento (Estratexias AP21) no que se propoñen medidas para reformar o primeiro nivel en todo o Estado. Galicia, que chegou tarde á primeira reforma da AP, colleu agora a dianteira. O goberno galego ven de asinar coas forzas sindicais e coas organizacións profesionais un acordo para mellorar a AP de Galicia de
Reactivar Europa
Nunha sondaxe do Financial Times, ingleses (78 por cento), franceses (63), alemáns (60) e italianos (57) están convencidos de que a súa vida non sufriría mingua ningunha se os seus respectivos países abandonasen a UE. Con tal grao de euroexcepticismo, malamente pode producirse a súa tan necesaria refundación. Para coexistirmos na diversidade de pobos, culturas e linguas. Para desactivar outras ameazas de calado estrutural: a globalización que forza unha inevitable relocalización do poder económico ante a emerxencia de países coma China, India, Brasil, Indonesia, México ou a mesma Rusia; o avellentamento da poboación, as persistentes desigualdades sociais… A celebración do 50 aniversario da UE chegou coa conciencia de Europa en horas baixas. Todo o andado, que é moito, mantense en stand by tras o non de Francia e Holanda á pseudoconstitución, que puxo o motor franco-alemán ao ralentí. De por medio, outros modelos rotos. O personalizado na insolidariedade de Blair: os máis pobres páganlle a escote o seu privilexiado cheque, malia non acreditar no euro, pero desprézaos indo da man guerreira de Bush. O dos xemelgos Kaczynski que presiden e gobernan Polonia, coa cruzada de purificación anticomunista que lexitima a caza de bruxas, ao tempo que acollen o escudo antimísiles do Pentágono sen avisar. Coa Declaración de Berlín, tan convencional, os máis convencidos tentan reflotar esa nave que leva 495 millóns de persoas a bordo. Non o conseguirán sen a mellor carta de navegación: unha verdadeira Constitución que enraíce na diversidade, nos dereitos e aspiracións sociais dunha renovada e participativa cidadanía europea.
Editorial publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 119, abril de 2007)