Os cabalos de Troia multiplicáronse por seis o último ano no Estado español.
Programas maliciosos introdúcense silandeiramente nos ordenadores
Os ataques informáticos con cabalos de Troia multiplicáronse por seis o último ano no Estado, segundo un informe da compañía S21Sec. Estes programas permiten tomar o control dun ordenador dende o exterior sen o consentimento nin o coñecemento do usuario. As empresas estanse a converter nas principais vítimas destes códigos que poden roubar información moi valiosa.
O último caso foi o de Telefónica Empresas, que viu como a pasada Semana Santa varios miles dos seus equipos foron infectados por un troiano, segundo informou o xornal económico Cinco Días. Solucionar o problema levou catro xornadas de traballo.
Aínda así, non son os cabalos de Troia os métodos de roubo de información persoal máis estendidos. O mesmo informe de S21Sec sinala que o phishing aumentou un 10% durante o 2006. Este tipo de estafa consiste no envío masivo de correos que aparentan proceder de entidades bancarias e que teñen o obxectivo de roubar contrasinais ou números de tarxetas de crédito. Para conseguilo, imitan as webs dos bancos e convidan os usuarios a introduciren alí os seus datos.
Moitos dos enganos teñen detrás mafias dos países do Leste. Así, Rusia é o estado do que proceden a meirande parte dos cabalos de Troia, aínda que os Estados Unidos son a principal orixe do phishing.
Malia isto, datos da empresa Symantec revelan que o Estado español é o cuarto do mundo que máis recibe ataques deste tipo e o terceiro con máis proporción de ordenadores infectados. Ademais, o 6% dos computadores do mundo que envían correo lixo, ou spam, están en Madrid. Contra todas os perigos que pode supoñer para as empresas o roubo de información confidencial, os expertos recomendan investir en seguridade informática.