Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Actos marcados pola polémica co Vaticano

Israel lembra ás vítimas do Holocausto

Millóns de israelitas detiveron na mañá deste luns as súas actividades cotiáns para render homenaxe ás vítimas do holocausto.

Redacción - 13:46 16/04/2007
A marcha dos vivos, desde Auschwitz até Birkenau

A marcha dos vivos, desde Auschwitz até Birkenau

As principais cidades de Israel espertaron este luns co son das sirenas, o mesmo son co que millóns de xudeus conviviron nos campos de concentración durante o Holocausto da Segunda Guerra Mundial. Os actos de lembranza ás vítimas comezaron na noite do domingo no Museo Yad Vashem de Xerusalén cunha homenaxe aos seis millóns de xudeus asasinados entre 1939 e 1945.

Foi precisamente unha fotografía do Papa Pío XII neste museo o que provocou a polémica que está a marcar estes actos de homenaxe. O pasado xoves o embaixador do Vaticano en Israel, Antonio Franco, ameazou con boicotear a cerimonia do Memorial do Holocausto debido á imaxe do papa que incluía un texto no que se facía referencia á actitude pasiva deste fronte os asasinatos de xudeus por parte dos nazis.

Finalmente, o embaixador aceptou participar na homenaxe para evitar danar aínda máis as relacións entre ambos países. Aínda que nos últimos anos normalizáronse, historicamente Israel e o Vaticano nunca dispuxeron dunhas excelentes relacións, sobre todo en determinadas cuestións, como a actuación da Igrexa durante o Holocausto.

Ao marxe da polémica, a xornada de lembranza está a ser protagonizada polos minutos de silencio en todo o Estado, os e a emisión de películas e documentais sobre o exterminio.

Ademais dos actos celebrados en Israel, este luns tamén se celebra a Marcha dos Vivos. Nela preto de 6.000 xudeus percorren en silencio os tres quilómetros que separan o campo de concentración de Auschwitz e o centro de exterminio de Birkenau, onde morreron un millón de persoas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: