Vieiros e a Radio Galega buscan un ano máis a canción galega do verán. Ademais, xa podedes descargar de balde o CD cos temas da edición 2006. "In the ocean", de Pulpiño Viascón, foi o tema gañador da pasada edición.
Foi o éxito do verán pasado. Un total de 38 cancións participaron na primeira edición de A Polo Ghit. O xurado escolleu como gañadora "In the Ocean", de Pulpiño Viascón. Na rede, os internautas tamén escolleron como favorita "A das festas", dos Guezos. Podedes facer memoria descargando de balde o CD (135Mb) que reúne todas as pezas.
As nosas caixas de correo agardan polas novidades da creatividade musical galega. Solistas e grupos de todo o mundo están convidados a participaren no certame que organizan Vieiros e a Radio Galega. A condición: que os temas estean cantados en galego. O obxectivo: que poidan convertérense en éxitos do verán.
Desde agora e até o 21 de xuño poden enviarse as propostas para esta segunda edición do concurso. As pezas recibidas poderán escoitarse cada fin de semana no programa Extrarradio e durante a semana noutros programas da Radio Galega e da Televisión de Galicia. Alén diso, poderán escoitarse e descargarse en calquera momento na propia web do concurso, que será presentada o próximo mes de maio.
Poden enviarse arquivos de audio e tamén se admiten vídeos sempre e cando a calidade do audio sexa nestes axeitada. Deberán adxuntarse os datos dos participantes, un breve texto describindo o tema e os intérpretes, a letra da canción e varias fotos da formación.
Un xurado composto por profesionais da música e da comunicación escollerá o gañador, que se dará a coñecer o próximo 11 de agosto.
Os arquivos deben enviarse a estes dous enderezos electrónicos:
apologhit@vieiros.com
extrarradio@crtvg.es
Para os que opten por enviar os temas en formato CD, as copias deben chegar a:
Vieiros
Rúa do Pombal, 43, soto
15705 Santiago de Compostela
Radio Galega
San Marcos
15820 Santiago de Compostela