Unha web permite comprobar se un sitio da rede está censurado ou non no país asiático.
Páxina principal da web greatfirewallofchina.org
"Somos un grupo de creativos sen ánimo de lucro, entre os que hai deseñadores de webs, realizadores de documentais e xornalistas que traballan por facer visíbeis os sistema de censura na internet, así como manter aberto o debate sobre esta cuestión".
Este é o obxectivo último dos responsábeis de greatfirewallofchina.org, unha web que permite coñecer en tempo real se unha páxina, calquera do mundo, está ou non censurada na China.
O plan chinés de control sobre a internet, o Proxecto Escudo Dourado, leva en funcionamento dende 2003 e conta cunhas 30.000 persoas traballando para identificar contidos considerados perigosos. Unha vez detectados, estes poñen en marcha todos os recursos necesarios -cada día máis sofisticados- para bloquear o acceso ás webs onde se aloxan.
Dende o Tíbet á BBC
Algúns dos sitios chineses máis perseguidos son os que fan referencia ao grupo relixioso ilegalizado Falun Gong, os que informan sobre abusos das autoridades, sobre o Tíbet, ou en defensa da independencia de Taiwán.
Mais, tamén ocorre con páxinas estranxeiras. É o caso de Amnistía Internacional ou a BBC. Na maioría dos casos o bloqueo non é permanente, senón que se produce en momentos puntuais.
Espionaxe industrial?
Ademais, dende diversos medios apuntan á posibilidade de que o Goberno chinés estea a usar o Proxecto Escudo Dourado non só para censurar e bloquear o acceso a determinados contidos, senón tamén como unha ferramenta para a espionaxe industrial.
Non sería a China o primeiro estado en facelo. De feito o país oriental está a desenvolver un sistema operativo propio, para non ter que usar Windows, da empresa estadounidense Microsoft, que está obrigada polo goberno do seu país a deixar unha porta de acceso aberta nas computadoras que o levan instalado.