O secretario xeral do Eixo Atlántico asegura que os dous municipios teñen interese en formalizar este proxecto.
As localidades de Chaves e de Verín poderíanse converter nunha de primeiras 'eurocidades' que existen no continente se fan viábel este proxecto. O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao, asegurou esta corta feira que ambas as dúas zonas "teñen interese" en formalizar esta iniciativa.
Mao realizou estas declaracións na cidade de Ourense, que alberga a reunión da Comisión Delegada de Infraestruturas do Eixo Atlántico. No acto, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, tamén estivo presente o alcalde da cidade, Enrique Nóvoa.
Sistema ferroviario interior
O Eixo Atlántico marcou como prioridades para a rexión a vertebración dun sistema interior de transporte ferroviario e a creación dun consorcio transfronteirizo de transportes, como instrumento para promover a mobilidade entre os seus cidadáns.
Neste senso, Xoán Mao indicou que se beneficiarían "traballadores que continuamente pasan dun lado a outro da fronteira", ademais de "estudantes e turistas". Por iso, considera "necesario" artellar un "sistema de interconexión cómodo" para ir de Vigo a Ourense "en 30 ou 40 minutos", cunha "frecuencia practicamente urbana como acontece en Madrid con Xetafe".
Mapa de Infraestruturas do Eixo Atlántico
Durante a sesión aprobouse tamén o documento do Mapa de Infraestruturas do Eixo Atlántico actualizado, que foi presentado á Asemblea Xeral o pasado mes de febreiro. O documento revisa o grao de execución do mapa aprobado no ano 2000 para, posteriormente, ser remitido aos gobernos.
Xoán Mao sinalou que os resultados son "positivos" e puxo como exemplo o "crecemento fantástico" de Portugal, "hai anos impensable". A pesar diso, cre que "faltan dous ou tres conexións" importantes na Eurorrexión.