Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Responsábel de agricultura ecolóxica do SLG

Charo Suárez: "os labregos galegos non atopan pensos non transxénicos"

Charo Suárez Parga é representante do sector ecolóxico na Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego. Participa nunha campaña para evitar que se permita a introdución de produtos transxénicos no agro galego.

Lara Rozados - 09:00 05/04/2007

Vieiros: Como de afectado está o agro galego pola implantación de organismos manipulados xeneticamente (OXM)?
Charo Suárez Parga: Poderiamos dicir que está afectado ao 100%, xa sen ter en conta o sector ecolóxico: sobre todo na gandeiría, non hai alternativas a este tipo de produtos. temos verdadeiros problemas para que a xente poida mercar pensos non transxénicos, e nisto estamos presionando á Consellería: non pode prohibir, pero si formular directrices, ou estabelecer pautas e recomendacións. Con que dúas ou tres grandes cooperativas demandasen a estas empresas cereais non transxénicos, xa se conseguiría un cambio.

V: Que papel teñen os consumidores neste eido?

Ch.S.P.: É moi contraditorio, porque ti vas a un supermercado e atopas o penso para cans etiquetado para indicarche se está libre de transxénicos, e no resto de produtos que son para consumo humano non atopas esa etiquetaxe, non é requerida se a contaminación accidental non chega ao 0,1%. É moi difícil que se realicen cambios cando esta información non chega á cidadanía, non sendo por documentos como a guía verde e vermella de Greenpeace. Non pode ser que decisións que nos afectan a todos, non só aos labregos e labregas como produtores, senón a toda a cidadanía como consumidores, estean a tomarse ás costas da xente, cunha total falta de información. Fóra dos colectivos ecoloxistas ou dos sectores produtivos, non se ve esa preocupación. Son necesarios máis colectivos cidadáns e máis presión.

V: Que acontece coas propostas de coexistencia entre cultivos convencionais e de transxénicos?

Ch.S.P.:
Hai estudos feitos, e mesmo xuízos por contaminación accidental. É unha película que non nos poden vender, porque é incompatíbel coa realidade: dende o momento no que se saca un organismo manipulado xeneticamente do laboratorio, non se pode garantir que non vaia afectar a outros organismos. Contra natura non podemos loitar.

V: A dependencia económica que producen este tipo de relacións agrarias contradi a soberanía alimentaria?

Ch.S.P.:
Totalmente, a soberanía alimentaria e a seguridade alimentaria tamén. O peor é que non se nos venden só transxénicos, véndesenos o paquete enteiro, unhas sementes que precisamos volver a mercar cada ano, e unha serie de tecnoloxías que precisamos aplicar para ese tipo de cultivos. Ademais, as sementes que se venden como disminuidoras de agrotóxicos van cargadísimas de agrotóxicos elas mesmas. Tamén obriga ao monocultivo: é un atentado contra a biodiversidade.

V: Cal é o papel do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica?

Ch.S.P.:
É unha cuestión delicada, porque se prohíbe expresamente o uso de transxénicos. Outra cousa é que realmente se posicione, asuma unha responsabilidade social e se involucre. Non se fan análises reais do grao de contaminación dos produtos. A solución real é que se declare, como xa se tivo a iniciativa noutros lugares, Galiza libre de transxénicos.


Documentos

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Charo Suárez Parga
Charo Suárez Parga