Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Permítenos nos produtos ecolóxicos

O SLG denuncia o apoio da UE aos transxénicos

A determinación do Parlamento Europeo de permitir certos niveis de contaminacións transxénica nos produtos ecolóxicos está a ser rexeitada polo movemento labrego.

Redacción - 14:30 04/04/2007

O Sindicato Labrego Galego (SLG ) leva ben tempo manifestando a súa posición en contra da introdución de elementos xeneticamente manipulados no noso agro, por varias razóns “en primeiro lugar, por cuestións de saúde: tense xa comprobado que estes produtos son altamente nocivos para os riles ou a función hepática". Recentemente un grupo de expertos en biotecnoloxía da Universidade de Caen (Francia) descubriu que o millo transxénico MON 863, autorizado pola Comisión Europea para alimentación humana e animal, resulta tóxico para o fígado e os riles "Tamén hai unha razón fundamental de carácter agrario, xa que a consecuencia da introdución de transxénicos nas nosas explotacións, viviriamos nunha relación permanente de dependencia coas transnacionais, e a nosa autonomía para producir non volvería ser a mesma; e, dende logo, existe unha razón de carácter ambiental, xa que este tipo de produtos son unha ameaza para a biodiversidade”. Así o explicou Lidia Senra, secretaria xeral do sindicato, na conferencia de prensa que ofreceu na mañá do mércores 4 de abril no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela.

A conferencia organizouse con motivo da aprobación, pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, de permitir unha porcentaxe de contaminación transxénica nos produtos ecolóxicos. “Cando máis do 70% da poboación da UE está en contra, os gobernos e o propio Parlamento Europeo seguen a facer avanzar a contaminación transxénica. Levamos moito tempo denunciándoo, e o colmo é que agora queiran permitilo sobre produtos ecolóxicos”, indicou Lidia Senra. O SLG non admite ningún tipo de produto transxénico: a este respecto ten unha posición de “tolerancia cero”. Como explicou Charo Sánchez Parga, responsábel de agricultura ecolóxica do sindicato, a proposta inicial da Comisión (aprobada o pasado 27 de febreiro) era permitir até un máximo de 0,9% de contaminación accidental por transxénicos nos produtos ecolóxicos, sen necesidade de informar diso na etiquetaxe. Nesta última decisión, fálase dun 0,1%. “Moitas organizacións acolleron a nova como algo positivo, ao reducirse ese limiar, pero para nós segue a ser algo negativo. Preocúpanos a posibilidade de que quede aberta esa porta”.

Lidia Senra engadiu que a esixencia é que se lle dea outra volta a ese documento: “é incompatíbel o desenvolvemento do sector ecolóxico co uso de transxénicos: a agricultura ecolóxica baséase no emprego de razas autóctonas, de produtos de noso. Pero se a Comisión segue asesorada pola OMC e polas multinacionais agroquímicas, estes plans seguirán adiante. O agro non é un laboratorio: no momento no que os transxénicos saian ao campo, escaparánsenos das mans”. Non serve de nada que as leis amparen a convivencia de cultivos de transxénicos con produtos naturais. A natureza non é controlábel pola industria: “non hai ningunha lei que lle impida a unha abella pousarse nunha planta transxénica, recoller o seu pole, e despois polinizar despois outras plantas en leiras ecolóxicas ou convencionais”. Por isto propoñen directamente a declaración de Galiza como libre de transxénicos, como xa acontece en Euskadi ou Asturias. “Xa é triste que en Galiza non teñamos liberdade para escoller pensos libres de transxénico: non se nos garante que haxa millo e soia convencionais”. A secretaria xeral do SLG criticou tamén a dobre linguaxe da UE: cando as campañas son as que a cidadanía quere ouvir, sobre sustentabilidade e desenvolvemento. Pero, pola porta de atrás, estannos coando políticas agrarias que favorecen a agricultura industrial e ás multinacionais”. O texto aínda ten que volver á Comisión de Agricultura e despois ao plenario. O Sindicato insírese nun marco europeo de movemento labrego que está a loitar contra a contaminación dos produtos agrícolas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Charo Suárez Parga e Lidia Senra na conferencia de prensa
Charo Suárez Parga e Lidia Senra na conferencia de prensa