O Ministerio de Industria obrigado a admitir que hai áreas sen cobertura malia que figuran como “Zonas en Servizo” na web oficial
Logo do Programa
Javier Franco -un veciño de Cambre, a 10 quilómetros da Coruña- non pode contratar acceso a internet de banda larga, malia que a súa área aparece no listado de “Zonas en Servicio” da web do Programa de Extensión da Banda Larga.
O Estado corrixe os datos de cobertura
Ante este problema, Franco escribiulle aos responsábeis do Programa. Tras tres meses de intercambio de correos, finalmente admitiron que “a causa da natureza temporalmente incerta dos atrasos que experimenta o despregue nestes intres non é posible concretar unha data na que poida dispor do servizo”.
O Programa tamén recoñeceu que o despregue en Cambre “está en proceso”, a pesar de estar na lista de “Zonas en Servizos”. É máis, a administración incluíu recentemente unha nota neste listado que admite que todas as parroquias “en servizo” tamén son “zonas en proceso de completar o despregue”.
"Nos próximos meses"
Polo de agora, Javier Franco só ten a promesa de que “é esperable que nos próximos meses vostede e os seus veciños dispoñan do servizo” . Por iso denuncia que “cando os políticos saen todos cheos a dicir que hai tantos centos de miles de cidadáns que xa dispoñen do servizo, isto é mentira”. O Ministerio de Industria, responsábel do Programa, asegura que xa achegou a banda larga a cinco millóns de cidadáns, un millón deles en Galiza.
En numerosos foros de internet, como Chuza! ou BandaAncha.st acumúlanse queixas sobre atrasos, prezos abusivos e menores prestacións deste Programa.
O risco de aceptar conexións vía radio
Unha das razóns esgrimidas pola administración para xustificar os atrasos en Cambre é “a activación do servizo de acceso vía radio”. As conexións telefónicas deste tipo non permiten, en principio, conexións de alta velocidade a internet.
Os plans públicos evitan sempre falar dun 100% de cobertura da banda larga. De feito, Telefónica segue a instalar en Galicia conexións vía radio, tal e como denunciou Vieiros.