Unha empresa dos Estados Unidos ofrece o vehículo máis famoso da televisión dos anos 80.
Réplica do Knight Industries Two Thousand (KITT)
Unha empresa de Dublín (California) puxo á venda un dos catro Pontiac Trans Am que encarnaron o famoso automóbil KITT, da serie Knight Rider, traducida no Estado como El coche fantástico, en Portugal como O justiceiro e no Brasil como A super máquina.
Aínda que este coche non é tan fantástico como o da ficción, porque nin fala, nin voa, nin dispara, nin corre a 480 quilómetros por hora, custa 149.995 dólares. Por ese prezo, o comprador poderase sentir como Michael Knight, o personaxe que interpretara David Hasselhoff na mítica serie paradigmática da estética dos anos oitenta.
Malia todo isto, o marabilloso carro está equipado con dous monitores de televisión e con todos os botóns coas súas funcións especiais, aínda que ao premelos só se iluminan, máis nada. Tamén ten a inconfundíbel luz frontal vermella que se move e funga dun xeito característico.
O modelo de 1982 non pode circular polas estradas ao carecer de catalizador e doutros elementos obrigatorios, pero queda moi aparente para unha colección particular ou para un museo. O seu dono, Tim Russo, cliente da empresa de venda de automóbiles Kassabian, pensou que é o momento de poñelo á venda, agora que se cumpren 25 anos da estrea da serie. Mercárao hai dez anos nunha poxa en San Diego, e dende aquela estivo procurando pezas de recambio para restauralo.
Así comezaban os episodios na versión brasileira da serie: