Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ilegalización de ASB en marcha

Otegi: "A esquerda abertzale cumpriu coa Lei de Partidos"

O voceiro de Batasuna sinalou que Abertzale Sozialisten Batasuna é un "paso" para facilitar o "proceso". O goberno español ve "indicios de ilegalidade".

Redacción - 13:37 28/03/2007

O portavoz de Batasuna, Arnaldo Otegi, asegurou esta corta feira que a esquerda abertzale "cumpriu escrupulosamente a Lei de Partidos", respecto ao rexistro da nova formación política, Abertzale Sozialisten Batasuna, ASB, e cualificouno como un novo "paso" para facilitar o "proceso democrático".

Otegi realizou estas declaracións nunha conferencia de prensa na que non admitiu preguntas, e acompañado polos membros de Batasuna Pernando Barrena, Joseba Permach, Maite Díaz de Heredia e dous dos tres membros da Mesa Nacional que rexistraron o novo partido, Marije Fullaondo e Joana Regueiro.

"Partir da realidade actual"

"Esta candidatura cumpre e cumprimenta escrupulosamente" os requisitos que estabelece a Lei de Partidos, sinalou Otegi, malia considerar que esta última é "absolutamente antidemocrática".

O dirixente abertzale afirmou que a nova marca se crea en coherencia co principio de "partir da realidade actual". A esquerda abertzale non está propoñendo "ningún tipo de reto a ninguén".

Ilegalización en marcha

Pola súa banda, o goberno español xa puxo en marcha o proceso de ilegalización de ASB, "logo de chegar á conclusión de que había indicios de ilegalidade", segundo sinalou o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba. Segundo este, "a mensaxe do goberno foi sempre o mesmo: para ir ás eleccións hai que cumprir a lei, quen a cumpre vai, e quen non non vai".

O ministro do Interior español realizou estas declaracións aos xornalistas tras asistir a un almorzo do candidato socialista á presidencia de Canarias, Juan Fernando López Aguilar, que tamén contou coa presenza do ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo.

Rubalcaba lembrou que "hai unha lei e unha xurisprudencia dos Tribunal Supremo e do Constitucional que din claramente o que hai que facer para se presentar ás eleccións, e todo o mundo o sabe; o que non vale é dicir: ben, ímolo intentar".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: