Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Iniciativa de Educación e de Cultura e Deporte

Estudantes de todo o país compiten entre si grazas ao programa Deporte na escola

Máis de 4.000 rapaces e rapazas, estudantes de primaria e secundaria, participan nesta actividade encamiñada á promoción de hábitos saudábeis entre os máis novos.

Redacción - 14:01 26/03/2007

As consellarías de Educación e Ordenación Universitaria e Cultura e Deporte están a desenvolver desde o pasado mes de febreiro o programa Deporte na escola. Trátase dunha iniciativa que persigue fomentar un estilo de vida saudábel entre o alumnado galego, evitando o sedentarismo.

Neste programa participan estudantes de 98 centros de ensino de toda Galiza, dos niveis comprendidos entre 3º de educación primaria e 2º de secundaria. Os participantes teñen a posibilidade de competir con outros equipos de todo o país en diversas modalidades deportivas tales como atletismo, bádminton, balonmán, básquet, fútbol sala, natación, voleibol, xadrez ou incluso un xogo cultural.

De momento, estase a disputar a fase comarcal, na que se seleccionarán os centros que pasen á fase provincial, da que sairán os equipos que finalmente competirán a nivel nacional.

Transmitir valores


Deporte na escola ten como obxectivo concienciar á mocidade galega dos beneficios da actividade deportiva. Ademais tentase transmitir os valores de xogo limpo, promover a ilusión de participar, desbotando a trampa e o xogo desleal, procurar a convivencia e o traballo en equipo así como a igualdade de oportunidades entre alumnos e alumnas.

Segundo os responsábeis da iniciativa, estase a traballar no fomento desde o ámbito educativo dos hábitos saudábeis, “xa que a escola constitúe un lugar óptimo para fomentar este tipo de valores”. Nesta liña, desde Educación asegúrase que o deporte escolar ten unha función transcendental na educación integral dos nenos e nenas, “ao fomentar as prácticas saudables e as nocións de participación, cooperación e igualdade”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: