Até 1.100 millóns de persoas se calcula que só teñen acceso a auga contaminada. Por riba, a axuda internacional para solucionalo mingua cada ano.
Cada cidadán da Unión Europea consume diariamente unha media de 110 litros de auga potábel. A metade desa cantidade pode gastala ao cabo do día co simple uso da cadea do retrete. Mentres, na maioría do planeta, millóns de persoas sobreviven co acceso a unha media de menos de cinco litros de auga ao día. Por riba, a maior parte das veces é auga de pozos contaminados.
Das máis de 30 mil mortes que as enfermidades relacionadas coa auga causan cada día, calcúlase que son arredor de cinco mil cativos os que perden a vida. Paradoxalmente, os proxectos das organizacións non gubernamentais para solucionar esta situación, ao igual que os investimentos directos dos propios gobernos, apenas gañan recursos nos últimos anos para este desafío.
Son algunhas cifras para lembrar neste Día Internacional da Auga, onde diversos colectivos sociais aproveitan outra vez para pedirlle á Comisión Europea que non contribúa a forzar a privatización dos servizos de auga nos países máis pobres.