A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, fixo balance no Parlamento e anunciou que as investigacións van estar dispoñíbeis en rede.
As cifras exactas da represión en Galiza logo do golpe do 1936 sempre enfrontaron aos historiadores. Agora, un estudo no que participa a Consellería de Cultura e docentes das tres universidades do país conclúe que o arquivo militar de Ferrol recolle 2.595 causas abertas a 7.227 persoas. Aínda así, os mesmos investigadores conclúen que o número real de persoas que se tiveron que enfrontar a tribunais é practicamente o dobre.
Diante da Cámara, Bugallo explicou o traballo do seu departamento a prol do Ano da Memoria 2006 e os avances no proxecto “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”. A conselleira explicou que os fin último deste estudo é “responder desde o rigor científico ás crecentes demandas dunha sociedade sensibilizada coa necesidade de coñecer o que aconteceu coa represión e cubrir os baleiros existentes”.
Un traballo que se poderá consultar en rede
Aínda así, o traballo vai moito máis aló xxa que tamén se están a investigar os rexistros civís e as fontes orais que proporcionan datos sobre as numerosas execucións clandestinas. De feito, Bugallo explicou que os historiadosres xa teñen compiladas 310 testemuños orais, a isto hai que sumar outros 400 do fondo propio da Universidade de Santiago.
O máis salientábel é que os traballos van estar dispoñíbeis en rede. Os internautas van poder consultar os cortes de voz, coleccións de imaxes e documentos inéditos que abriran novas perspectivas daquel tempo.