O crecemento do sector do país nos últimos catro anos vaise ver potenciado coa posta en marcha de tres novos asesoramentos.
Logotipo do clúster
O Clúster Audiovisual Galego destacou a boa marcha do sector dende a posta en marcha do organismo no ano 2003. A asemblea anual, que se desenvolveu en Compostela o venres, repasou polo miúdo os resultados do cuadrienio.
Segundo o presidente da xunta directiva, Antón Reixa, os socios do clúster aumentaron case nun 50%, e as empresas integradas pasaron de 32 a 46. Delas, 25 están relacionadas co cine e a televisión.
No seu balance, a entidade destacou os premios recibidos por varios dos seus asociados, como Filmax, que obtivo o Goya ao mellor filme de animación por Pérez o rato dos teus soños, ou a nominación na mesma categoría de De Profundis, de Continental. No exercicio 2004, as empresas do clúster déronlles emprego a 1.524 persoas e facturaron preto de 200 millóns de euros.
Durante o 2007, poñeranse en marcha tres novos servizos para os asociados: un de asesoramento para a promoción nos mercados exteriores, unha oficina de televisión interactiva e un servizo de asistencia a proxectos de I+D+i para o seu financiamento en programas internacionais.
Actualmente, está en marcha a convocatoria do laboratorio Guionlab, que estará apoiado pola Axencia Audiovisual Galega. O clúster tamén se prepara para participar na primeira Culturgal, feira do libro e da industria cultural galega que se desenvolverá en Pontevedra no mes de maio. A entidade presentará aló un estudo de dobraxe aberto aos visitantes e unha demostración de captura de movemento para filmes de animación.