Compartindo recoñecemento coa Acrópole de Atenas ou a Abadía de Cluny, o Cabo de Fisterra, recibe este luns oficialmente o galardón que acredita a súa condición de referente xeográfico e cultural na creación da identidade de Europa.
A súa relevancia histórica, a a importancia cultural e xeográfica do durante moito tempo último punto da "terra coñecida", o primitivo simbolismo da fin do mundo e comezo do "Alén", as lendas e rituais que fixo abrollar... A última etapa dos camiños que desde toda Europa chegan a Santiago ten desde este luns o selo oficial de Patrimonio Europeo.
Cabo Fisterra comparte premio de momento con outros trinta recantos a nivel da Unión Europea, outros tres no Estado español. Entre estes aparecen a Acrópole de Atenas e o Pazo minoico de Knossos, en Grecia; a abadía de Cluny e o Pazo dos Papas de Avignon, en Francia, o centros histórico de Riga e o Pazo Rundale, en Letonia, ou a Praza do Campidoglio, en Italia. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, recolle o premio este luns nun acto que se celebra no mosteiro de Yuste, en Estremadura.
Os galardóns foron creados pola UE en 2007 co obxectivo de impulsar a dimensión europea dos bens culturais e os lugares que se considera que tiveron "un papel esencial na historia e na identidade de Europa". A iniciativa coincide co 50 aniversario do Tratado de Roma que deu orixe á actual UE, e quere reforzar "o sentido de pertenza" a un espazo cultural común e a "protección e promoción" do patrimonio cultural conxunto dos pobos europeos.
Relanzamento da comarca fisterrá
A limpeza do contorno arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme, incluídos os restos da antiga capela e do sartego e a restauración da imaxe do Santo Cristo de Fisterra, situado na Igrexa de Santa María das Areas, catalogada como Ben de Interese Cultural, son algunhas das accións prioritarias que a Consellaría de Cultura avanzou para os próximos meses.
Coa intención de sacarlle rendemento ao galardón e aproveitar as oportunidades de promoción internacional e de beneficios socioeconómicos para o lugar, Cultura tamén mellorará a sinalización e desenvolverá campañas de divulgación e posta en valor. Desde o executivo están seguros de que o premio contribuirá ao progreso social e económico desta comarca.
As iniciativas foron avanzas durante o acto de proclamación oficial pola propia conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, quen indicou que o galardón abre "novas vías de coñecemento para un lugar destino de peregrinacións, un espazo de gran riqueza patrimonial cun pasado que garante, en certa maneira, o seu propio futuro". "Fisterra é unha área de especial atención turística e cultural e queremos que toda a súa riqueza se convirta en valor non só para os novos visitantes senón tamén para o beneficio dos veciños da Costa da Morte", explicou a conselleira, "conservar, incrementar e divulgar a riqueza de Fisterra é para nós unha grata obriga que se ve agora recompensada coa concesión do premio de Patrimonio Europeo".