Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O apagamento analóxico, cada vez máis preto

Os Estados Unidos subvencionarán os receptores de TDT

A medida que se achega o apagamento analóxico, os gobernos toman accións para evitar que moitos cidadáns queden sen a posibilidade de ver a televisión.

Redacción - 12:01 14/03/2007

Nos Estados Unidos, a data en que rematarán as emisións tradicionais será o 19 de febreiro de 2009. A administración de telecomunicacións e información estadounidense investirá 990 millóns de dólares en subvencionar receptores de televisión dixital terrestre (TDT). Cada fogar poderá solicitar até dous vales de 40 dólares para mercar adaptadores.

A pesar de que se pensara que a poboación se iría pasando á televisión dixital a medida que os receptores fosen baixando o seu prezo, aínda hoxe hai 20 millóns de telespectadores nos EUA que dependen do sinal analóxico. As asociacións de consumidores salientan o prexuízo que lles supón ás familias máis desfavorecidas teren que gastar cartos para poder seguir vendo a televisión despois do 2009. Tamén culpan as cadeas de televisión de non ofreceren unha programación atractiva e novos servizos.

A partir do 1 de xaneiro de 2008, todos os fogares estadounidenses poderán solicitar os cupóns de desconto. Terán que demostrar que non son usuarios de televisión por cable nin por satélite. No caso de que se esgoten os 990 millóns de dólares iniciais, o Goberno reserva unha partida adicional de 510 millóns.

O caso galego
No noso país, a situación é ben diferente, aínda que se podería ir asemellando á dos Estados Unidos conforme se achega o 3 de abril de 2010, data fixada para o cesamento das emisións analóxicas no Estado español. Dende o comezo, o Goberno estatal descartou a posibilidade de subvencionar os receptores, e opta por investir en campañas publicitarias. As únicas axudas públicas que existen polo momento, como a da Comunidade de Madrid, financian a adaptación das antenas pero non a compra de descodificadores.

En Galiza haille que sumar o problema da escasa cobertura da televisión dixital terrestre, estancada dende novembro de 2005. Durante este ano o Goberno estatal aprobará o plan de transición á TDT, que definirá o calendario até o 2010. Por agora, as obrigas son acadar o 85% da poboación estatal en xullo deste ano, o 90% en decembro do 2008 e o 98% no 2010 para as canles públicas e o 96 para as privadas. Isto significa que unha porcentaxe da poboación quedará sen poder ver a televisión o 3 de abril dese ano.

No Estado, a cobertura actual é do 80% da poboación e, dela, dous terzos aínda non son usuarios desa tecnoloxía. Resulta paradoxal que, pese a que España é o estado de Europa Occidental con meirande dispoñibilidade de TDT, é un dos que fan menos uso dela.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: