Ás cinco da tarde deste sábado comezou a primeira manifestación convocada oficialmente polo Partido Popular. Rajoy e Aznar encabezaron a marcha en contra do proceso de paz.
Milleiros de manifestantes escoitaron o chamamento dos populares e achegáronse este sábado até o centro de Madrid para amosar a súa desconformidade coa política antiterrorista do Goberno estatal.
Dirixentes do Partido Popular, con Mariano Rajoy á fronte e coa compaña de José María Aznar, portaron na cabeceira a pancarta co lema principal da marcha, ‘España pola liberdade. Non máis cesións a Eta’.
Segundo o secretario xeral dos populares, Ángel Acebes, a marcha "marca un fito histórico" xa que considera que un estado “que se somete ao chantaxe dos terroristas non ten futuro”. Pola súa parte, Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid, subliñou a lexitimidade da convocatoria e lembra que as excarceracións do anterior goberno do PP a presos de ETA “eran imperativos penitenciarios”.
Quintana di que o PP pon “en bandexa a ETA a división dos demócratas”
Apenas dúas horas antes de que comezase a marcha en Madrid, o voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Quintana, acusou á dirección do Partido Popular de “ser irresponsábel” e de “servir en bandexa a ETA a división dos demócratas”.
Quintana sinalou que a súa formación “respecta profundamente” o dereito a manifestarse dos cidadáns e pídelle o PP unha “dose de moderación” no referido á loita antiterrorista, porque “estamos ante unha cuestión de Estado na que debe haber entendemento”.