A montaxe de Teatro do Noroeste xuntou dez candidaturas, entre elas mellor espectáculo, mellor dirección (con Eduardo Alonso), mellores actores e actrices (a protagonista Maxo Barjas e os secundarios Xavier Estévez e Xosé Vilarelle). Séguenlle de preto A Raíña da beleza de Leenane, de Teatro do Atlántico, e Final de Película, de Áncora Producións, con catro candidaturas cada unha.
Non cabe dúbida de que Imperial: café cantante, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, é o prato forte do teatro galego no 2006. Nesta superprodución musical de Teatro do Noroeste recréase un Vigo moderno e vitalista nos días inmediatamente anteriores á guerra civil. O texto, escrito por Eduardo Alonso, enfróntase aos Contos troianos de Manuel Lourenzo e Final de Película, de Gustavo Pernas Cora, texto premiado co Max ao guión en galego.
A interpretación da estrela do café, cantante de fados, pode suporlle a Maxo Barjas o premio á mellor actriz, no que compite con María Barcala, ou A Raíña da Beleza de Leenane, e Luísa Merelas, pola montaxe coa que botou a andar o CDG, O regreso ao deserto, de Bernard Marie Koltés. En canto ás candidaturas masculinas, Vladimir e Estragón poden conseguir esta cobizada xerra de cerámica: Artur Trillo e Toño Casais, protagonistas os dous da revisión de Esperando a Godot (de Samuel Beckett) que fixo Talía, compiten cun dos nosos actores máis destacados: Luís Tosar, interpretando o papel dos papeis: o Hamlet. O actor, que tanto pode liderar unha banda de rock como encarnar ao Príncipe de Dinamarca, obtería este premio por primeira vez. Gonzalo Uriarte tamén é candidato ao mellor secundario, pola súa interpretación en Hamlet, concorrendo nesta categoría cos dous actores de Imperial. En canto ás actrices secundarias, Anabell Gago, mellor protagonista do ano pasado por O Tío Vania, é candidata xunto a Mónica Camaño e Sonia Rúa, de Misercordia (Teatro do Morcego).
En canto á dirección, ademais de Xúlio Lago por A Raíña... e Eduardo Alonso por Imperial: café cantante, figura Helena Pimenta pola súa adaptación do Macbeth de Shakespeare, ao fronte da veterana compañía Sarabela Teatro. E os mellores espectáculos, Imperial: café cantante, A Raíña da Beleza e Illa Reunión, a proposta do CDG capitaneada por Ana Vallés. Podemos atopar máis información na web da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, AADTEG, ou na listaxe anexa.