Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Consello da Xunta aproba o informe de saneamento

A depuradora da ría de Vigo podería estar lista no 2010

Pérez Touriño asegura que o Goberno traballa “apurando o proxecto de redacción” para que estea licitada no horizonte deste ano.

Redacción - 19:05 08/03/2007
Imaxe panorámica da ría de Vigo / Biosbardos

Imaxe panorámica da ría de Vigo / Biosbardos

O Consello da Xunta aprobou este xoves o programa para reducir a contaminación na ría de Vigo, no que se detallan as actuacións para o seu saneamento integral e a mellora da calidade das súas augas. O informe elaborado deberá ser remitido a Bruxelas antes do 15 de marzo, para evitar as sancións impostas pola UE.

O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, sinalou que, desta forma, o Executivo cumpre co prazo dado pola UE o pasado 15 de decembro, para que o Estado español non sexa multado. Asegurou, ademais, que a Xunta traballa "apurando o proxecto de redacción" para que no horizonte deste ano a depuradora estea licitada.

Segundo isto, a planta podería estar en funcionamento no ano 2010. O programa conta cun orzamento de 209 millóns, dos que 180 serán para a depuradora, e o resto para actuacións de control da contaminación das augas.

Recuperación da ría do Burgo

O Plan de recuperación da produción marisqueira na ría do Burgo foi outro dos asuntos tratados na xuntanza do Consello da Xunta desta semana. A Consellería de Pesca investirá este ano máis dun millón de euros (1.151.462,40) neste programa, que conta coa cofinanciación do Fondo Europeo de Pesca.

O departamento estabeleceu un acordo coa Confraría de Pescadores da Coruña para o seu desenvolvemento. Este contempla a realización de tarefas de rexeneración, vixilancia e actividades formativas por parte dos mariscadores da zona, para lograr recuperar a produtividade da ría, fortemente afectada pola presión do furtivismo.

Ademais, estabelecese que os profesionais do mar desenvolvan un máximo de 10 días de actividade ao mes, en quendas de catro horas (dúas horas antes e dúas despois da baixamar), labor polo que percibirán un salario de 82 euros por día traballado e por mariscador.

Inserción social no rural

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre Vicepresidencia e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade do Benestar, o II Plan Galego de Inclusión Social. Este permitirá a posta en marcha dunha rede de equipos que dean cobertura as zonas rurais do país.

Os equipos teñen por finalidade a promoción da inserción social e laboral de colectivos en situación de grave risco de exclusión social, mediante o desenvolvemento de itinerarios individualizados e integrais. As actuacións, que pretenden darlle cobertura ás zonas rurais, terán unha perspectiva ligada ás potencialidades do territorio e ao seu tecido social e produtivo. Asemade, tratarán de dar respostas globais e integradas ás necesidades dos grupos e das persoas con maiores desvantaxes sociais nestas áreas.

A Xunta investirá un total de 2,3 millóns de euros na actuación, financiados nun 80% polo Fondo Social Europeo. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar encargarase da contratación do persoal para a implantación de equipos de inclusión social.

Distribuiranse nun total de 11 demarcacións: 3 na provincia da Coruña (Ferrolterra-Ortegal-Eume, Bergantiños-Soneira-Fisterra e Centro-Sur); 2 na de Lugo (Norte e Sur); 2 na de Ourense (Leste e Oeste); e 4 na de Pontevedra (Val Miñor-Baixo Miño, Área Metropolitana de Vigo, Arousa-Tabeirós Montes-Deza e A Paradanta-O Condado).

Foto de Biosbardos


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: