O Instituto da Muller acaba de presentar unha ferramenta que ofrece alternativas para a linguaxe sexista. O programa 'Nombra.en.red' é un dicionario electrónico en castelán que se instala no ordenador e propón medidas como substituír os xenéricos masculinos por outros non marcados, e ter en conta expresións e tratamentos machistas, A ferramenta é en castelán, pero podemos obter unha serie de recomendacións válidas para o galego.
Portada do Nombra
Existían precedentes, como o Libro de estilo para evitar o sexismo nos medios de comunicación editado por Bilgune Feminista (Bilbo), pero agora o castelán xa conta cunha ferramenta en liña para buscar alternativas aos usos patriarcais da linguaxe. O libro Nombra fora xa editado no 94, e agora contra coa súa versión dixital. Neste recurso, que se pode descargar de balde xunto con outros na web do Instituto da Muller, Mercedes Bengoechea recopila varios textos e agrupa expresións sexistas. cada unha delas ten asignadas varias alternativas. En galego aínda non se dispón dunha ferramenta semellante.
Mais hai recomendacións que se poden ter en conta: o trato "Señorita" por oposición a "Señora" para diferenciar unha muller solteira doutra casada (recollido polo dicionario da RAG), trazo que non se atopa no tratamento dos varóns, é discriminatorio. Por outra parte, hai unha serie de suxestións que cómpre ter en conta: o emprego de termos colectivos como "estudantado", "profesorado", "cidadanía", por oposicións a "profesores", "estudantes", "cidadáns", de xenéricos absolutos ("a redacción" por "os redactores"), ou termos non marcados ("persoa", "xente" ou "ser humano", segundo o contexto, na vez de home). Incluso reproducións inconscientes que se fan da linguaxe ("ás mulleres foilles concedido o dereito ao voto") merecen unha reflexión antes de escribir, para evitar connotacións sexistas: "as mulleres obtiveron o dereito ao voto". Un estudo de Álvaro García Meseguer ordenou nunha secuencia as linguas do mundo dende o finés (1% de discriminación lingüistica) até o árabe (90%). Polo medio atópanse dende o sueco (8%) e o inglés (15%) até o catalán (70%) e castelán (80%). Aínda están por facer estudos sobre o galego, e, se cadra, desenvolver ferramentas que sirvan de apoio.