As galegas son minoría no sector tecnolóxico; isto é máis evidente cando se fala de postos con maior responsabilidade.
Nas carreiras técnicas, a desigualdade de xénero aumenta entre os postos mellor pagados. Por exemplo, un terzo dos universitarios que estudan carreiras tecnolóxicas son mulleres. A porcentaxe de profesoras universitarias nesta area cae por debaixo do 20%. Se falamos de catedráticos, a proporción non chega ao 10%.
Unha fenda idéntica existe no mundo laboral. Así, só un tezo dos traballadores de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) son mulleres. Aínda son menos as galegas que logran algún dos postos mellor remunerados, pois só o 17% dos directivos destas compañías son de sexo feminino, indica o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
As galegas obteñen máis sobresaíntes
E todo isto sucede a pesar de que as universitarias “obteñen cualificacións de notábel e sobresaínte” máis a miúdo, di a UMC. As galegas tamén son maioría entre os licenciados que logran premios extraordinarios ao final das súas carreiras universitarias.
Ante esta desigualdade, a Xunta lanzou a semana pasada a Unidade Muller e Ciencia co fin de promover “unha elección profesional non condicionada por estereotipos ”. O Goberno prometeu elaborar un plano para fomentar a “incorporación das mulleres como científicas e tecnólogas ao tecido produtivo”.