Por fin chegou a ansiada vitoria do Gestibérica Vigo. Foi na súa visita a Cataluña, ante o WTC Cornella, onde os de Quino Salvo acadaron o importante triunfo (84-86) que lles permite abandonar a última praza da clasificación. Grazas en parte a que o Beirasar non fallou ante Real Madrid, principal competidor dos vigueses na zona baixa da táboa. Os de Santiago venceron os brancos nun cómodo encontro por 77-83.
Deste xeito, o Beirasar, que dominou de principio a fin o choque, mantén o seu segundo posto e sitúase como principal perseguidor do Ciudad de La Laguna. Oleson e Bouldin foron os máximos anotadores do encontro con quince puntos cada un.
O gran prexudicado da xornada foi o Club Ourense Baloncesto, que caeu claramente en Palencia (83-57). Os casteláns contrarrestaron en todo momento o potencial ofensivo dos galegos cunha forte defensa. Un dos síntomas máis claros de que onte o COB non tiña o seu día en ataque foi que no derradeiro cuarto os ourensáns non pasaron dos oito puntos.