Segundo unha reportaxe publicada no New York Times do domingo, a crenza en Deus podería ter unha orixe xenética. O xornal estadounidense faise eco de diversas investigacións que chegaron a esta conclusión.
Catedral de Santiago
Aínda que todas as civilizacións humanas tiveron cadansúa relixión, esta non representa beneficios para a supervivencia dende o punto de vista evolutivo. Mais ben, xera un custo de recursos físicos e mentais.
Pero ese esforzo axuda a crear unión comunitaria. Os estudos realizados determinaron que o cerebro humano está predisposto a crer no sobrenatural pola súa tendencia a buscarlles explicación ás cousas. Crenzas como a da existencia doutra vida axudan a combater o medo á morte, e a cubrir a incapacidade da nosa mente de asumir a desaparición dos seres queridos.
Os estudos citados polo New York Times inciden en que mesmo os ateos deben facer un esforzo mental para non caer nas sempre ameazadoras supersticións como cruzar os dedos ou tocar madeira. Tamén salienta o dato de que nos Estados Unidos seis de cada dez persoas cren no demo, sete de cada dez na vida despois da morte e o 92% na existencia dun deus.