O xulgado de instrución número 2 de Mondoñedo paralizou cautelarmente unha canteira de Abadín situada nun espazo da Rede Natura do Xistral e sen licenza municipal. A decisión chega despois da denuncia presentada en novembro do 2006 por Adega e a comunidade de montes veciñais en man común de Labrada. As dúas entidades pedían que se aplicase a Lei de protección do medio rural e se paralizase a canteira coa consecuente apertura dun expediente de reposición.
Despois da primeira denuncia, a empresa Ingemarga paralizara a actividade, pero reiniciouna ao ver que non recibía ningunha advertencias dende o Concello. Entón foi cando Adega e mais a comunidade de montes presentaron a denuncia perante o Concello de Abadín, e as direccións xerais de Conservación da Natureza, Urbanismo e Industria e, un mes despois, no xulgado de Mondoñedo por un presunto delito penal contra o medio.
A denuncia presentada no xulgado tivo como resultado o auto de suspensión cautelar da actividade da canteira. As dúas entidades denunciantes amosaron a súa satisfacción pola decisión xudicial que, ademais de preservar o patrimonio natural, resolve o agravio comparativo que existía entre os veciños da parroquia, que tiñan que soportas as restricións da Rede Natura, e a empresa.
Malia isto, Adega segue a criticar a actitude do Goberno municipal, que non tomou medidas para restituír a legalidade urbanística dunha canteira sen licenza municipal, e das consellarías de Industria e Medio Ambiente, que tampouco se aplicaron no cumprimento da lei que preserva os espazos da Rede Natura.