O Tribunal Supremo dos Estados Unidos reafirmou a inmunidade dos blogueiros fronte aos comentarios que se deixan nas súas bitácoras. O xulgado desestimou un recurso de apelación da compañía Universal Communication Systems, que demandara a Lycos por unhas mensaxes difamatorias aparecidas nun taboleiro de mensaxes.
Segundo a sentenza, os moderadores non se poden facer responsábeis das mensaxes deixadas por outros, e permitir que se poidan denunciar blogueiros ou operadores de taboleiros de mensaxes polos comentarios publicados nas súas páxinas podería ter un efecto de autocensura na súa liberdade de expresión.
Actualmente, estanse a tramitar no xulgado de Cambados senllas denuncias contra dous blogueiros do Grove e da propia localidade polo contido das súas bitácoras e mais polos comentarios aparecidos nelas.