Bittorrent abre este luns o seu portal Bittorrent Entertainment Network, que permitirá a descarga legal de filmes e programas de televisión. A empresa consegue, así, reconciliarse coa industria cinematográfica estadounidense distribuíndo contidos de pago a prezos que oscilan entre os 2 dólares dos programas de televisión até os 4 dos filmes de estrea. Iso si, estes últimos só se ofrecerán na modalidade de alugueiro.
Logotipo
Os arquivos distribuídos pola tenda de Bittorrent irán marcados polo DRM de Microsoft, que impedirá que os filmes se poidan ver pasado un tempo, e tamén lles pecha as portas aos usuarios doutros sistemas operativos diferentes do Windows. Bittorrent Inc. enfróntase, ademais, á competencia doutras tendas en liña e, por suposto, á das webs que recompilan arquivos que se distribúen gratuítamente empregando o mesmo sistema. Bittorrent é unha tecnoloxía de código aberto que permite a transmisión de ficheiros dun xeito rápido e efectivo que evita a saturación dos servidores.