É unha das festas máis ancestrais do mundo: o Entroido ourensán reúne unha serie de ritos, de costumes e de personaxes míticos que veñen de moi antigo. O famoso triángulo de Xinzo de Limia, Verín e Laza, Viana do Bolo, A Gudiña, Vilariño de Conso e Ourense todo convértense na festa dos excesos. Este sábado 24, no Ateneo ourensán, tivo lugar unha xuntanza na que se creou unha plataforma co fin de coidar esta tradición.
Ante todo, a plataforma convértese nun centro de estudo para interpretar, conservar e difundir os símbolos e ritos tradicionais presentes no ciclo festivo do Entroido. Deste xeito, as estratexias camiñan cara ao desenvolvemento da oferta cultural específica, e a garantir a sustentabilidade dos Entroidos tradicionais. Un arquivo dixital e un Centro de interpretación virtual serán os primeiros recursos para levar adiante estas iniciativas.
Ademais, programan a celebración dunhas xornadas divulgativas sobre o Entroido, e a edición de distintos materiais que axuden ao seu coñecemento e difusión: exposicións, publicacións e outros materiais dirixidos aos centros de ensino. Tamén se porá ao dispor das Administracións o material, para traballaren con proxectos museísticos precisos.